FRAN P. LORENZO: “Cabalos e lobos”

franplorenzo“Cabalos e lobos” é a primeira novela do xornalista Fran P. Lorenzo e abofé que é unha excelente entrada no mundo da narrativa. Trátase dunha historia ambiciosa, con múltiples lecturas, con momentos memorables, cunha presa de personaxes ben formados que percorren as súas páxinas vertendo as súas ansias e as súas miserias, e todo envolto nun marco de fondo que adquire un rol protagonista ao longo do relato: a cidade de Vigo e, nomeadamente, a presencia do edificio de Gran Vía nº 2 como estandarte da trama. Non é en van que a novela veña avalada polo Premio Blanco Amor do ano pasado.

O que se nos conta neste relato é a historia dunha familia de orixe alemá, asentada no Vigo de principios do século XX e perfectamente ensarillada máis tarde na sociedade franquista, e como unha das súas integrantes trata de encaixar as pezas do crebacabezas que foi o seu propio pasado. E todo isto a través dunha visión global de Vigo ao longo do século XX, e do seu papel –así como o da estirpe de empresarios que integra a familia protagonista– na ditadura e no nazismo.

Pero, ao mesmo tempo, o relato máis estarrecedor é o da descomposición do propio núcleo familiar por mor dos secretos agochados, das cicatrices do pasado, das mentiras ou medias verdades, das sombras ocultas… Ata o punto de que un dos membros desa familia chega a afirmar con rotundidade que “o pasado é un lastre”. Velaí a perfecta definición desta novela.

Sorprende a súa estrutura, dividida en dúas partes ben diferenciadas. Na primeira, a máis interesante, ao meu entender, unha das integrantes da familia pescuda no seu pasado amosándonos os momentos máis importantes que darán lugar á descomposición familiar da que antes falabamos. A segunda é unha longuísima carta que por momentos adquire certo arrecendo folletinesco, na que se nos relata unha historia de amores perseguidos que adquire unha relevancia fundamental no contexto familiar. Pecha o relato, a modo de epílogo, un breve encontro entre nai e filla para darnos as claves que nos faltaban para entender o acontecido.

A perfecta ambientación e documentación do relato fan a historia crible. A visión dos empresarios que apoiaron un réxime ditatorial amósanos unha perspectiva pouco traballada na literatura actual. E a técnica narrativa de Fran P. Lorenzo e a súa linguaxe precisa e coidada, danlle ao conxunto un acabado nada habitual en debutantes.

Fran P. Lorenzo

Cabalos e lobos

Editorial: Xerais

192 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s