LEDICIA COSTAS: “Un animal chamado néboa”

neboaLogo do éxito indiscutible de “Escarlatina, a cociñeira defunta”, un libro para nenos, Ledicia Costas cambia o seu rexistro completamente para adentrarse na escrita para adultos e presentarnos “Un animal chamado néboa”. Trátase dun traballo que recolle media ducia de relatos que, de primeiras, teñen un elemento común: estaren ambientados na Segunda Guerra Mundial. É o nexo de unión máis evidente, pero existen outros, como o retrato da barbarie humana ao que asistimos en cada un deles.
“Un animal chamado néboa” non é un libro de dixestión fácil. De feito, o máis doado é que se lle indixeste a máis de un, tal é o grao de dureza que se reflicte nesta presa de relatos. Dicir que Ledicia Costas se recrea na crueldade humana resultaría esaxerado, ademais dunha visión excesivamente superficial da obra. Pero, dende logo, o que Ledicia non fai é fuxir da exposición dos detalles máis impactantes para presentarnos a faciana máis negativa da condición humana. Parece como se nos estivese a dicir algo así como “todas estas barbaridades somos capaces de facer os seres humanos; teñamos coidado en non repetilas”.

O asedio a Leningrado, os xuízos de Nüremberg, os campos de concentración, o naufraxio do USS Indiannapolis, as bombas atómicas sobre Hiroshima e Nagashaki… Algunhas das atrocidades do conflito desfilan perante os nosos ollos completamente espidas, sen adobíos que nolas fagan un pouco máis levadeiras. Son relatos estarrecedores, dos que deixan sen alento, dos que fan verter bágoas coa súa lectura ao comprobar ata que punto de inhumanidade pode chegar ser humano. Nun breve texto introductorio a propia Ledicia xa nos di que “en ningún caso pretende ser unha crónica de guerra”, senón “unha crónica sobre a condición humana en situacións límite. Eis a esencia da barbarie.”

A lectura de “Un animal chamado néboa” resulta, polo contido, desoladora; de cando en vez hai que apartar os ollos das páxinas do libro para coller aire e non abafar. Sabemos que son relatos de ficción, pero tamén sabemos que o fondo de todas as historias foi absolutamente real, que a barbarie reflectida nestes contos foi real, que as torturas e violacións foron reais, que os asasinatos foron reais… E por iso, a lectura deste libro resulta imprescindible para manter a memoria. Para non esquecer.

Ledicia Costas

Un animal chamado néboa

Editorial: Xerais

200 páxinas

 
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s