LUÍS VALLE: “Trona, o merlo”

merloO haiku, como sabemos, é un poema moi breve, orixinario do Xapón, de tres versos, cunha estrutura fixa, cun contido predeterminado que ten que ver coas estacións do ano, que contrapón ideas diferentes, que desborda impacto e sensibilidade…

Non é doado de definir, pero todas esas ideas e moitas máis teñen que ver cos haikus tradicionais. Cando estes poemas se foron vertendo a outras linguas, as normas estritas de elaboración de haikus fóronse relaxando para facilitar a súa comprensión. Hoxe en día non teñen a rixidez formal doutrora, pero si a súa esencia impactante e sensible.

Foron moitos os autores que verteron o recendo dos haikus ao galego, dende Uxío Novoneyra a Marilar Aleixandre, entre outros. Agora, Luís Valle preséntanos un libriño que recolle unha presa de haikus de seu, recompilados baixo o título “Trona, o merlo”. Os poemas están perfectamente apoiados nunhas ilustracións de Baldo Ramos que semellan ensaios de caligrafías ao estilo xaponés, dándolle así ao conxunto unha certa uniformidade visual que nos axuda a trasladarnos a calquera recanto zen dun xardín xaponés para ler estes versos baixo unha cerdeira en flor.

Pero ao adentrarnos na procura de “Trona, o merlo”, non tardamos en decatarnos de que nos atopamos moi lonxe do Xapón; de que as imaxes que o poeta lucense destila para nós, son máis propias da campiña galega que de calquera xardín xaponés; de que o vento asubía melodías nosas, o merlo cántanos en galego, e as nubes choran como só en Galicia saben chorar.

Luís Valle centra este traballo na observación da natureza e na elaboración de imaxes impactantes con capacidade de seu para sorprender e, sobre todo, para conmover ao lector. Eis a esencia dos haikus. E con estas premisas percorre toda a roda do ano ao longo do poemario debullando formas líricas, descriptivas, bucólicas ou amorosas, con axilidade e destreza; tocando o fondo da nosa alma en cada páxina.

A práctica coincidencia da publicación deste poemario con “As cicatrices do sol”, co que Luís Valle acadou o último Premio Lueiro Rey de Poesía, é unha desas casualidades que en ocasións se producen; casualidades que nos desvelan que nos atopamos diante dun poeta cun nervio propio e unha capacidade moi especial para chegar a nós a través dos seus versos.

Luís Valle

Trona, o merlo

Ilustracións: Baldo Ramos

Editorial: Barbantesa

84 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s