MARÍA REIMÓNDEZ: “A música dos seres vivos”

maria_reimondezManimekalai é unha moza támil que, logo de vivir a súa primeira infancia na aldea natal ao amparo da súa avoa, vese na obriga de marchar a Escocia; tan lonxe de todo o coñecido, que esta nova situación non provoca senón unha profunda falla de enraizamento.

Pouco importa que, co paso do tempo, se convirta en MK, cantante de éxito a nivel mundial, porque a súa vida segue a se tambalear no fío desa carencia de áncoras que a amarren a algo propio. Por iso Manimekalai se sente incómoda ao longo de todo o relato: porque non entende ese alonxamento e, na súa procura, chega a decatarse de que todo iso é pasado e non convén removelo; porque non acaba de comprender ni de aprender a convivir co seu éxito, nin pretendido nin buscado; e porque a súa condición sexual de lesbiana aínda a afasta máis do mundo “WASP” (branco, anglosaxón e protestante) no que lle tocou vivir.

Velaí o conflito que María Reimóndez nos presenta na súa nova entrega (a terceira) do que ela mesma definiu como “Ciclo dos elementos”, composto por un total de sete novelas independentes pero interrelacionadas entre si a partires de personaxes e situacións que brincan entre os distintos relatos. Deste xeito vaise artellando unha única unidade, un tapiz tecido con auga, terra, aire e lume. “A música dos seres vivos” pecha o apartado adicado á terra.

A novela está estruturada en dez capítulos que, por estaren ambientados no eido da música, a autora decidiu chamar “pistas”. De maneira que asistimos en primeiro plano á gravación do novo disco de MK, o seu regreso logo dun tempo afastada das luces do escenario. Pero a orde invertida dos capítulos (da “pista 10” á “pista 1”) fainos albiscar unha conta atrás cara á descuberta dese enraizamento do que falabamos antes que, no fondo, non chega a producirse.

Amais, cada “pista” está dividida en tres partes: “play”, que se nos presenta como o momento presente, o da gravación; “rewind”, que nos leva ao pasado que desemboca na actualidade e nos fai entender o mundo interno de MK-Manimekalai; e un “fastforward” que se centra na relación entre a protagonista e Gaia, unha muller de forte personalidade na que MK atopa o acubillo que necesita para enfrontarse ao mundo.

Gaia e Dionne, a mestra que a animou no mundo da música, son as súas verdadeiras áncoras de enlace co mundo, mentre a relación destrutiva con Liv, a súa primeira moza, encarna a faciana máis amarga da súa vida; máis, incluso, que o abandono da súa orixe. O resultado de todo este proceso é un puído novo chanzo no proxecto literario de María Reimóndez que, partindo de anacos perfectamente ensamblados, nos achega ao máis fondo de cada un de nós.

María Reimondez

A música dos seres vivos

Editorial: Xerais

360 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s