Dous poemarios

A colección “Libros do Sarela”, da editorial Alvarellos, vén de sacar do prelo os dous volumes de poesía premiados na XL Edición do certame máis antigo de toda Galicia, o do Concello de Vilalba: “Abrindo fiestras en carne viva”, do ferrolán Carlos López, e “Cinza de estrelas”, da luguesa María Isabel Vázquez, gañadores do primeiro e segundo premio respectivamente.

CARLOS LÓPEZ: “Abrindo fiestras en carne viva”

fiestras

“Abrindo fiestras en carne viva” semella querer instalar algo de orde no caos de sensacións que aboian entre as páxinas do libro. É por iso que se estrutura arredor de cinco fiestras diferentes a través das que o autor exhibe para nós o seu mundo interior: “Fiestra do canto”, fálanos da propia poesía como elemento modulador do sentimento humano; a segunda, “Fiestras da patria”, lonxe do alegato político, amosa as querencias do autor polo propio feito de ser galego e de sentirse como tal e representa unha sentida homenaxe aos nosos devanceiros en tanto que creadores do sentimento de ser galego; “Fiestras da humanidade ferida” reúne un conxunto de poemas de contido netamente social, no que agroman os eslombados e os ignorados; “Fiestras do pequeno corazón” achégase ao mundo máis intimista de Carlos López arredor da amizade e da familia; e remata o libro con “Fiestras da calada realidade”, onde os obxectos cotiáns acadan o primeiro plano como elementos inspiradores dos seus versos ao se veren humanizados.

Para o autor esta é a súa primeira obra publicada, a pesares de ter entrado xa na madurez que supón a xubilación. A forza dos seus versos descúbrenos un talento que, non por tardío, resulta menos provocador. Máis ben ao contrario, xa que deita nos poemas a experiencia acumulada ao longo de toda unha vida e a lectura incesante dos grandes do xénero, tal e como se deduce das figuras literarias recollidas e do coidado da súa linguaxe.

Carlos López

Abrindo fiestras en carne viva

Editorial: Alvarellos

66 páxinas

MARÍA ISABEL VÁZQUEZ: “Cinza de estrelas”

cinzaA diferenza deste libro, “Cinza de estrelas”, galardoado co segundo premio no antedito certame, preséntase ao lector como o refuxio no que a autora se acubilla para facerlle fronte ao mundo. Tamén está estruturado en distintas partes que deseñan o camiño a seguir na lectura.

A primeira, “Os valados do medo”, anima a chimpar por enriba dos muros que nos asaltan a cotío provocándonos inseguridade, e que van dende a destrución da memoria ata a toma de determinadas decisións; a segunda, “Liñas do espazo”, convida a erguer os ollos unha vez derrubados eses valados para procurar entre as estrelas do firmamento o camiño a seguir; a terceira, “Charamelas”, fálanos das faíscas que nos acompañan logo de rematar ese percorrido.

Cada un dos poemas que integran esta colección vén antecedido por unha cita de autores principalmente galegos, que actúan como guía do texto que se nos presenta. A escritora palense afincada en Euscadi, que tamén se estrea con este poemario, defende a lingua como tesouro no que expresar as súas inquedanzas.

A interesante descuberta destes dous autores noveles debémoslla ao certame vilalbés e a súa difusión á editorial Alvarellos. Un bo exemplo a seguir para renovar o panorama literario galego.

María Isabel Vázquez

Cinza de estrelas

Editorial: Alvarellos

62 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s