XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CÁCCAMO: “As últimas galerías”

caccamoXosé María Álvarez Cáccamo tennos afeitos á súa lírica, malia que tamén ten tocado xéneros como o relato breve, o teatro, a literatura infantil ou o ensaio. Neste caso preséntanos a súa primeira novela longa, “As últimas galerías”, que xira arredor da memoria como espazo vital e da súa recuperación como un xeito eficaz de entender o noso entorno.

A historia que relata Manuel en primeira persoa comeza no xeriátrico, onde a súa nai, Amalia, xa viúva e co entendemento extraviado por efecto da demencia senil, comeza a desenlear as viravoltas da memoria na que o seu home, Ramón, ten un papel esencial. Manuel entende polas súas palabras que hai cousas das que nunca se falou na casa e, empurrado polas ansias de coñecer o pasado dos seus pais, que é o seu propio pasado, comeza a desenlear o novelo.

A memoria da súa nai é intermitente, alternando momentos lúcidos e desnortados, pero Álvarez Cáccamo válese dun soño un tanto confuso para iniciar a indagación. A partir de aí apóiase nun álbum de fotografías para turrar do fío, así como en entrevistas con amigos da familia, nun diario, mesmo nunha colección de cartas de amor entre os seus pais antes de casaren, para axudarnos a desvelar a trama.

Un auténtico caleidoscopio no que, aos poucos, vaise desentrañando un relato de tintes sociais e políticos que ten a Amalia e Ramón como protagonistas. E ao fondo, recubrindo as descubertas e cun papel realmente salientable no argumento, unha fermosa historia de amor na que Manuel, o fillo, descobre aspectos para el descoñecidos da memoria familiar. A quebradiza memoria de Amalia axúdalle a enlazar o pasado dos seus pais co seu propio presente.

A novela resulta evocadora, con continuas referencias á época posterior á Guerra Civil, na que se ambienta o máis relevante da trama. Tamén resulta enigmática, inquietante por momentos, e cun ritmo que envolve ao lector, verdadeiro cómplice nas indagacións de Manuel, ata mergullalo por completo tanto na investigación, como na historia resultante.

A memoria e a vellez teñen unha presencia constante como verdadeiros alicerces da mesma e, por se todo isto fose pouco, Álvarez Cáccamo emprega o mellor da súa experiencia lírica para revestir a historia dunha linguaxe delicada e precisa, adobiada con tenrura e galantería para disfrute do lector.

Xosé María Álvarez Cáccamo

As últimas galerías

Editorial: Galaxia

204 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s