FARRUCO GRAÑA: “O soño de Xoán”

osonhodexoanDicir que “O soño de Xoán” é unha novela histórica pode ser que non se corresponda exactamente coa realidade, pois diso falamos: de realidade. Nesta historia mistúrase con mestría a realidade documentada, sobre a que o autor ten traballado arreo (iso nótase ben ao ler a novela), e a fantasía que Farruco Graña, carballés de orixe, quixo espallar sobre a súa vila de adopción: Ribadeo.

Falemos, entón, dunha novela “de ambientación histórica”, que nos achega á realidade da devandita vila no século XVII e, sobre todo, do seu activo porto, dende o que mantiña relacións comerciais con boa parte de Europa; e que nos fala tamén da realidade social, política e relixiosa daqueles anos. E todo iso aderezado con pingas de fantasía aquí e acolá.

O autor relata as andanzas de Xoán Lourido, un rapaz ribadense do século XVII, fillo acomodado dun comerciante que, polos contactos do seu pai co resto de Europa, faise con diverso material relacionado coa astronomía e a astroloxía, as súas grandes afeccións. Entre esta documentación atópase o “Somnium”, de Kepler, sobre o que xira o fantástico relato dunha viaxe en barco ata a lúa partindo do Monte de Santa Cruz. Ese é o auténtico soño do protagonista e, na súa inocencia, non dubidará en argallar a maneira de levalo a cabo.

A afección de Xoán polos astros acaba por convertilo en diana dun inquisidor local que pretende facer méritos perante os superiores coa localización do libro, que el, no seu fanatismo cego, entende como máis perigoso aínda que o mítico “Ciprianillo”. Farruco Graña aproveita a ocasión para facer un auténtico alegato contra a intransixencia relixiosa e a favor da capacidade de pensar por nós mesmos, sen que ninguén nos dirixa as nosas ideas, que ben poderiamos ler cos ollos postos na realidade actual.

A obra está estruturada en tres partes sendo a central a máis extensa e a que acolle o groso da acción. A primeira fálanos da viaxe do pintor Jan Van Eyck a Portugal a mediados do século XV, para facer o retrato da Infanta Isabel de Portugal por encomenda de Felipe III de Borgoña, recalando no porto de Ribadeo. Nesta parte introdúcense algúns dos elementos que, por contraste, axudarannos a entender en toda a súa dimensión a segunda, na que se relata a historia de Xoán Lourido. O libro péchase, a xeito de epílogo, co relato antedito da viaxe á lúa.

Cabe destacar de “O soño de Xoán” un ritmo intencionadamente quebradizo que de cando en vez rompe coa acción para manter o interese, a perfecta documentación histórica manexada, como xa queda dito, ou toda a galería de personaxes que deambulan polas súas páxinas de toda caste e condición. Pero un dos elementos máis salientables é, ao meu entender, a riqueza de vocabulario amosada por Farruco Graña nesta a súa segunda novela, así como a recuperación da toponimia local, o que axuda a mergullarse na historia proposta.

Farruco Graña

O soño de Xoán

Editorial: Edicións Embora

120 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s