MANUEL SEIXAS: “Interferencias”

interferencias_manuel_seixasSe alguén me pedise que pintase a nova novela de Manuel Seixas, “Interferencias”, necesariamente debería comezar por empregar tonalidades escuras, grises, moi opacas e turbias. Aos poucos, esas tonalidades escuras irían virando cara a cores algo máis ledas, pero aínda apagadas: pardas e terreñas, sen moita viveza. Sen rupturas pero de maneira case abrupta, desembocaría nunha festa de cores, nun arco da vella de ledicia e felicidade.

A partires dese intre, cando todo semella encaixar coma nun crebacabezas, unhas nubes escuras ao lonxe que se converten en sombras estarrecedoras. E finalmente, logo de regresar aos grises iniciais, no recanto oposto, un punto branco: a luz ao final do túnel que simboliza a esperanza.

“Interferencias” é unha novela para ler con calma, para degustar en tragos curtos e intensos. Pero non é un texto fácil de asimilar. Desborda tal tristura e pesimismo que resulta turbadora no seu realismo intimista. Seixas fala neste texto de soidade, da soidade protexida por unha forte coiraza creada polos propios protagonistas, María e Xosé (o simbolismo no emprego de nomes bíblicos en moitos dos personaxes, daría para outro artigo máis extenso). Ela, fisioterapeuta nunha residencia privada da terceira idade; el, profesor de Historia nun centro de ensino secundario; ambos, aillados do mundo que os rodea e inmersos nunha rutina que ameaza con pasarlles factura a non tardar; ambos, a agocharen segredos terribles nos que se alicerza ese muro que os aílla; ambos, dispostos a saír da espiral na que se atopan e a asumir as consecuencias do seu acto de rebeldía…

De primeiras, todo semella encarreirarse cara a un final case de conto. Ata que o seu pasado regresa. Faise presente da peor maneira posible, colocando diante dos seus ollos unha realidade dura e difícil de superar. O que antes era luz volven a ser tebras, malia que Seixas prefire deixar aberta unha fiestra á esperanza no remate do texto.

A soidade é a verdadeira protagonista do relato ocupando unha posición provilexiada no seu desenvolvemento. Pero tamén fala de outras cuestións non menos turbadoras, como os abusos sexuais, os celos e a violencia de xénero. Xa dixen que non era unha lectura fácil de asimilar e hai que achegarse a ela co ánimo preparado para enfrontarnos ao espello no que se mira a raza humana para atopar seres grotescos e descorazonadores. Con todo e con iso, resulta imprescindible para comprender un pouco mellor como somos e a nosa fraxilidade fronte a un mundo que nós mesmos fixemos hostil.

Como perfecto contrapunto da dureza do relatado, Seixas emprega unha linguaxe coidada e delicada, coa concisión precisa para dicir o que quere dicir en cada momento, sen ornatos superfluos nin adobíos innecesarios. Pero non vos deixedes enganar: coa man doce e agarimosa de quen domina a linguaxe e decide ofrecernos a súa faciana máis agarimosa, aproveita para rabuñar no fondo da nosa psique. Velaí a súa grandeza.

Manuel Seixas

Interferencias

Editorial: Xerais

144 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s