HÉCTOR CAJARAVILLE: “De remate”

de_remateDe seguro que todos temos a experiencia de que caese nas nosas mans algún libro premiado en calquera certame de certo prestixio, e que cando o lemos nos deixase completamente fríos. Entón preguntámonos cales serían os criterios elixidos polo xurado para premiar, precisamente, ese traballo, e non outro, e se entre o resto de participantes non habería algo mellor. Logo dunha experiencia así, cando nos achegamos a outro libro galardoado facémolo con certo distanciamento, con medo a que nos defraude.

No caso de “De remate”, a primeira novela de Héctor Cajaraville, galardoada co Premio Xerais este mesmo ano, manter esa alerta resulta de todo imposible alén das primeiras páxinas, porque consegue engaiolar ao lector dende o inicio. De inicio, sorprendéndonos cun “Prólogo á terceira edición”, datada en 2025, nada menos. E de seguido, cunha serie de artigos de opinión nos que o xornalista Bieito Sanmarful, o protagonista, nos ofrece a súa particular visión da Galicia actual.

Todo isto require dunha explicación: asistimos a unha novela peculiar na que a historia que se nos narra está entretecida con estes artigos, con retallos dunha especie de diario íntimo que o propio Bieito escribía, con correos electrónicos, con fragmentos de entrevistas, e con algúns textos máis que axudan a documentar e contextualizar todo o relatado. Dende o principio sabemos que o protagonista falece por mor dunha enfermidade terminal, de maneira que asistiremos ao seu deterioro físico e mental a través de todos estes anacos que, aos poucos, van debuxando unha personalidade irónica, fráxil e tenra a un tempo. Agora ben: nunca unha historia tan triste foi contada de maneira tan divertida.

Os artigos de Bieito Sanmarful achegan unha visión pseudoobxectiva do tempo que lle tocou vivir (a actualidade: regresamos dende 2015 aos nosos días), amosando un retrato psicolóxico de Galicia e, ao tempo, do propio autor; e describe a realidade cunha enorme dose de retranca, servida cunha naturalidade enchida de xogos de palabras e equívocos intencionados. Tanto é así, que algúns dos correos electrónicos que recibe son de lectores que lle recriminan determinadas posturas sen decatarse de que, ás veces, están defendendo as mesmas ideas. Esa retranca salta dos artigos ao seu diario e aos seus correos sen reparo, conseguindo así unha novela áxil e tremendamente rexoubeira. Ao meu entender, ese é un dos grandes acertos deste texto.

Malia a estar construída con retallos, non sempre en perfecta orde cronolóxica, resulta doado seguir o relato. Neste crebacabezas literario, o fío argumental máis visible está servido polo propio autor no seu diario, pero o máis interesante sería un fío moito menos perceptible a primeira vista, que é o que nos van amosando os artigos: o da propia personalidade do protagonista e a súa evolución fronte a unha enfermidade que sabe terminal.

En definitiva, unha estrea literaria que xa foi ben recibida polo xurado dos Premios Xerais e que merece unha recepción similar por parte dos lectores.

Héctor Cajaraville

De remate

Editorial: Xerais

216 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s