ANTONIO Gª TEIJEIRO e ANTONIO REIGOSA: “Lendo lendas, digo versos”

lendo_lendas“Cómpre confesar que a idea de facer este libro non foi nosa, senón consecuencia directa dunha consulta”, afirman os autores de “Lendo lendas, digo versos” no texto de presentación deste curioso libriño. Unha amiga que preparaba unhas unidades didácticas sobre o noso patrimonio inmaterial pediulles información acerca de poemas que falasen da mitoloxía máis cercana: trasnos, encantos, mouros, tesouros agochados… E tiveron que confesarlle a escaseza de versos adicados aos mitos de a pé, os do común, fronte á abundancia de poemas sobre a mitoloxía de orixe máis culta.

Decididos a cubrir este oco, puñéronse a traballar. Antonio Reigosa, eminencia no que respecta a este campo, seleccionou entre a morea de historias que el coñece vinte relatos nos que os personaxes xurdidos da tradición oral campan ao seu xeito, e redactounos de maneira concisa e sen adobíos; Antonio García Teijeiro, recoñecido poeta, deulle forma aos versos poñendo o acento no carácter popular das historias e creando poemas sinxelos, ao estilo dos romanceiros tradicionais, erguidos sobre a base da copla folclórica que cantaban os nosos ancestros. E para completar o traballo, contactaron con Xosé Cobas, un dos ilustradores galegos máis prolíficos e máis recoñecidos dentro e fóra das nosas fronteiras, para que fixese outras tantas ilustracións relativas a cada unha das lendas nas que esencializa o carácter do relato cunha elegancia visual que o achega á lírica.

E o resultado é, nin máis non menos, o que se indica: unha colección de lendas populares acompañadas de poemas narrativos nos a historia é relatada doutra maneira, e ilustracións que amosan a súa esencia; un traballo a tres mans no que se nos ofrecen distintas perspectivas dos relatos xurdidos da nosa tradición. Iso si: o libro está presentado cun esmero que poucas veces se ve nas edicións cotiáns e, polo seu tratamento e contido, resulta perfecto para achegar aos máis novos á nosa tradición oral. Pero que os adultos non cometan a torpeza de consideralo só un libro para nenos ou mozos. “Lendo lendas, digo versos” é moitos máis ca iso, e calquera interesado na nosa mitoloxía máis enxebre que se achegue a el, de seguro que non sairá defraudado.

Como aliciente, cómpre salientar que Reigosa tivo o acerto de seleccionar algunha das historias de lareira menos coñecidas pero que, pola súa natureza, ben merecen saír do seu oscurantismo. O máis doado para un traballo tan novidoso coma este sería recoller os relatos de sempre, pero os autores quixeron aproveitar para darlle un pouco máis de pulo ás historias máis agochados e darlles visibilidade, o que sempre é de agradecer para os que amamos a tradición oral.

Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa

Lendo lendas, digo versos

Ilustracións: Xosé Cobas

Editorial: Xerais

168 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s