Queridos Reis Magos…

Coa única intención de desexar aos lectores desta sección un venturoso ano novo e por aquilo de axudar un pouco aos Reis Magos, traemos hoxe a este particular andel dúas obras para nenos que poderían ser un agasallo aquelado para os máis pequenos da casa.

MARÍA SOLAR: “Teño uns pés perfectos”

portada.fh11A primeira obra é un libro divulgativo de María Solar, que escapa por un intre da ficción pura e dura… ou non tanto. Porque aproveitando a participación de Melchor Sabichón no concurso “O neno máis listo”, a autora fai un estudo pormenorizado dos pés, eses grandes descoñecidos que están aló, no fondo do corpo, enfundados en calcetíns e zapatos, e dos que tan pouco sabemos.

Pero “Teño uns pés perfectos” non é o libro de María Solar: é o libro co que Melchor prepara a súa participación no certame. Un libro dentro doutro libro, perfectamente diferenciados na coidada edición preparada por Kalandraka, mesmo con paxinacións á parte e distinto papel, e adobiado con fermosas ilustracións de Gusti.

Amais diso, e se queremos darlle unha volta un pouco máis “adulta” ao contido deste “doble libro”, proponnos tamén unha reflexión sobre o propio coñecemento e sobre a nosa teima de sabelo todo sobre todo e esquecer sempre o máis achegado. O pés están aí, acompañándonos a cotío, pero ¿que sabemos deles…? María Solar explícanos algunhas cousas curiosas sobre os tipos de pés, as razóns polas que cheiran a queixo, a función das dedas ou o por que do seu deseño.

María Solar

Teño uns pés perfectos

Ilustracións: Gusti

Editorial: Kalandraka

48 páxinas

ANISIA MIRANDA e XOSÉ NEIRA VILAS: “Cantarolas”

portada.fh11A segunda das obras tamén vén da man de Kalandraka, referente indiscutible da literatura infantil galega, que neste caso reedita un dos nosos clásicos máis interesantes de poesía para nenos: “Cantarolas”, de Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas. Fai 20 anos que se publicou por vez primeira, e o recente pasamento do escritor de Vila de Cruces converte esta edición nun traballo conmemorativo.

“Cantarolas” diferencia os textos escritos por Anisia Miranda (12 poemas) e polo seu home (20 poemas). Os primeiros de contido moito máis bucólico; os segundos a realzaren temas moito máis humanos. Pero, no fondo, todos os poemas forman unha única unidade que evoca a natureza e o medio rural dende a perspectiva dunha tradición vivida por ambos os dous autores. A presenza de animais é constante, así como elementos do entorno: as árbores, os ríos ou o vento, toman a palabra para espelir a nosa imaxinación e converternos en nenos por un intre.

Son poemas de apariencia sinxela que agochan un excelente coñecemento do entorno e un profundo traballo de procura dunha linguaxe precisa, cun contido algareiro que se percibe máis claramente coas coloristas ilustracións de Leandro Lamas.

Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas

Cantarolas

Ilustracións: Leandro Lamas

Editorial: Kalandraka

56 páxinas

Queridos Reis Magos: como este ano fun todo o bo que as circunstancias me permitiron, espero que teñades a ben deixarme ao pé da árbore estas dúas alfaias. Volver a sentirme neno por un intre será o mellor agasallo do mundo. Feliz Ano. Atentamente…

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s