ANTÓN RIVEIRO COELLO: “Os elefantes de Sokúrov”

os_elefantes_de_sokurovA última novela de Riveiro Coello semella parca en aconteceres, pero é só unha ilusión. A medida que nos imos adentrando nas súas páxinas van comezando a agromar historias entrelazadas que nos falan dunha chea de cousas: da crueza da vida, da crise económica, dos desafiuzamentos, da solidariedade, do suicidio, das drogas e as súas consecuencias, dos problemas da senectude, da incomunicación, da memoria e os seus imprecisos currunchos, da arte e a creatividade…

E todo iso enmarcado nunha cidade como Compostela que, nalgúns intres, adquire a calidade de auténtico personaxe cun papel esencial no relato (case sempre visto dende a perspectiva dun foráneo), e nunha fermosa historia de amor entre os dous principais protagonistas: Janis e Constantino.

Con todos estes elementos, Riveiro Coello ofrécenos unha proba máis da súa mestría na escrita ao argallar un relato no que unha das súas características esenciais é unha elegancia na linguaxe que é quen de engaiolar dende as primeiras liñas. Palabras claras e precisas que acenden unha luz fresca e doce sobre o texto; o mesmo dá que nos fale da crueldade que da beleza: Riveiro Coello consegue transmitir con delicadeza, sen excitar o noso ánimo, sen magoar as nosas vísceras; deixando no noso padal un recendo saboroso e familiar. Velaí un dos seus maiores logros.

O autor preferiu adoptar nesta ocasión un papel secundario para cederlle a palabra aos seus protagonistas. Son eles os que nos explicarán cada unha das escenas que crean a trama principal da historia, acudindo á quebradiza memoria de Janis para desenlear algúns dos nós vitais que supoñen o argumento central do relato. Ambos os dous contan coa inestimable colaboración doutros personaxes secundarios na parte central da novela, durante unha cea de Nadal bastante peculiar que, dalgunha maneira, é quen de poñer en marcha boa parte das historias que ata ese intre eran só suxeridas.

A novela comeza cun breve conto de tintes fantásticos que nos adentra nun mundo moi distinto ao noso e que exerce de perfecto prólogo ao relato por razóns que se nos desvelarán ao longo da historia. Iso si que é só un espellismo pois, de seguido, o autor dá un golpe de timón para levarnos á máis cruel e cotián das realidades. A partir de aí, asistimos a unha historia que bén podería pasar por verídica por estar perfectamente apegada á realidade, mesmo á actualidade máis rabiosa. E para iso, a credibilidade das personaxes xoga un papel esencial.

En definitiva, “Os elefantes de Sokúrov” é outro gran traballo do escritor limián, que nos reafirma na opinión de que Antón Riveiro Coello é un dos autores de maior solvencia das nosas letras.

Antón Riveiro Coello

Os elefantes de Sokúrov

Editorial: Galaxia

410 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s