MANUEL RIVAS: “O último día de Terranova”

terranovaManuel Rivas regresa á narrativa con esta novela na que o principal protagonista pasa a ser unha libraría bastante peculiar, Terranova, un lugar para a memoria e para a emoción, un refuxio de almas e de historias que o autor sitúa na Coruña dos últimos 70 anos. Dende a perspectiva do seu dono actual, Vicenzo Fontana (xa en segunda xeración de libreiros), asistimos á fin dun soño: a ameaza de peche por desafiuzamento do local por mor de certas especulacións inmobiliarias.

Pero isto é unha visión só parcial do contido da novela pois, a través de lembranzas e de personaxes senlleiros vinculados á libraría, Rivas pasea pola nosa historia máis recente entrecruzando vidas que van dando forma ao relato. “Resistencia” podería ser a palabra clave que defina a novela: a resistencia fronte a unha decisión terrible, o peche do establecemento, pero tamén a resistencia dos personaxes que pululan entre os seus andeis fronte ao devir da historia e ás inxustizas sociais e políticas que rodean a cada un deles.

Esta peculiar libraría estivo rexida por Amaro e Comba, pais do protagonista, e por Eliseo, o seu tío. Trátase, xa que logo, dun negocio familiar, que pervive alén da propia familia convertido en refuxio de xentes perseguidas, de libros prohibidos, de contrabandistas de cultura, de orfos de humanidade, de náufragos do seu tempo que son quen de darlle vida propia. Un punto de encontro no que se atopan xentes de distinta caste e condición que fai que Terranova entre no terreo do mítico.

No aspecto formal, “O último día de Terranova” é unha historia caleidoscópica que vai cambiando de forma segundo movemos o cilindro, segundo imos avanzando entre as súas páxinas, para amosarnos distintos ángulos da realidade recreada por Rivas; é un crebacabezas no que só vemos pezas soltas ata que imos xuntando os seus lindes e conseguimos darlle forma á historia. Un xogo, un enredo mecánico perfectamente estudado para provocar a nosa curiosidade e tamén o noso disfrute.

Non é unha lectura doada. Rivas xoga a cotío con nós ao presentarnos as cousas de maneira distinta a como son, ao ofrecernos ángulos agochados, ao despistar o noso entendemento ou ao dar por sobreentendidas cousas que aínda non explicou. Pero dada a habilidade do autor coa palabra, a dixestión lenta que propón non deixa de ser un aliciente para achegarse a Terranova, para visitar os seus andeis unha e outra vez na procura dos nosos propios soños.

Manuel Rivas

O último día de Terranova

Editorial: Xerais

256 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s