RAMÓN CARIDE: “Liquidación de existencias”

ramon_caride“Liquidación de existencias” é un libro triste. Os seus protagonistas son xente cotiá, que vive experiencias cotiás, maiormente tristes, e que o autor decide exhibir para nós.

Polos nove relatos que o compoñen (en realidade oito relatos máis unha novela curta fragmentada, que se vai desenvolvendo ao longo de todo o libro) deambulan personaxes tristes, humanos, taciturnos, producto dunha época e dunha realidade que está aí, diante nosa, aínda que nos empeñemos en pensar o contrario. “O mundo como un inmenso polígono outlet no que todo está de saldo”, afirma na contracapa.

Pero que estas afirmacións non vos leven a engano: “Liquidación de existencias” é tamén un libro ameno e entretido no que Ramón Caride é quen empregar a súa dilatada experiencia literaria para contrarrestar esa tristura cunha presa de relatos ateigados de escenas divertidas (para a memoria queda o final de “Dous de copas”), e unha linguaxe retranqueira e, por veces, tendenciosa, coa que xoga con nós ao seu antollo. Velaí, ao meu entender, o gran acerto do autor, a cuadratura do círculo a través dun difícil xogo de equilibrios.

Os relatos falan de violencia, corrupción, precariedade laboral, vinganza (impactante final de “Ou de pé ou de xeonllos”), tráfico de órganos, drogas, delincuencia, maltrato, desafiuzamentos… E de tantos e tantos outros temas que, por desgraza, forman parte da realidade diaria. Como vedes, non son cuestións que parezan ideadas para a diversión e o entretemento. Pero Ramón Caride consegue construir con todos eses materiais un edificio sólido e ata confortable. Mergullarse entre as súas páxinas resulta grato para calquera lector.

As personaxes semellan estar argalladas con residuos desa realidade, con materiais de refugallo como un elemento máis da creación artística. Mesmo o autor ten recoñecido que moitas destas historias saíron das crónicas de sucesos dos xornais, e ben sabemos todos o que acostuman a exhibir esas páxinas… Pero se buscamos no seu trasfondo, non resulta difícil albiscar unha dura crítica ao mundo que estamos construindo entre todos.

As historias debulladas por Ramón Caride non deixan de ser pinceladas de realidade, unha especie de instantáneas dun momento que non sempre se esgota co final do relato. Porque esa vén sendo outra característica fundamental de “Liquidación de existencias”: a pesares de rematar o conto, a vida continúa e a presencia dos seus protagonistas non desaparece co punto e final. Intuímos doadamente unha continuación porque, en moitas ocasións, nós mesmos fomos testemuñas de historias parecidas. Esas fotografías, convértense, desta maneira, en impactantes labazadas de realidade na cara do lector, un lugar de encontro dende o que enxergar ese difícil equilibrio do que falabamos.

Ramón Caride

Liquidación de Existencias

Editorial: Xerais

152 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s