FRANCISCO CASTRO: “Amor é unha palabra coma outra calquera”

francisco_castro“Amor é unha palabra coma outra calquera” preséntasenos como unha novela “de amor”. Pero tal afirmación, sendo real, resulta enganosa. Ou, cando menos, incompleta. Para min, é a descripción dun proceso iniciático cara á madurez: o relato da evolución da súa protagonista, Carla, que quita unha terrible venda de diante dos ollos e se abre a un mundo moi diferente do que ata ese intre foi o seu.

Para entender isto hai de centrarse no argumento: Carla é unha muller felizmente casada, cunha percepción da súa relación marital que semella sacada das novelas románticas máis simplonas ou das cancións de amor máis cursis, como se explica moi atinadamente na contracapa. Pero, no fondo, segundo nos imos adentrando na historia, comprendemos que só é unha víctima dunha percepción social, dunha educación mal dirixida cara á idealización dun conto de fadas. O malo é que a vida non é así, algo do que se decata de súpeto cando o seu marido marcha e o mundo de Carla se desmorona estrepitosamente. Daquela entende que non basta con querer e querer que te queiran, senón que tamén é necesario quererse un pouco a si mesma. Ver como desaparece o eixo central sobre o que xiraba toda a súa existencia fai que se sinta desgorecida; e atopar un cadáver na súa casa non fai máis que complicar as cousas. Sobre todo cando tal situación leva á nosa protagonista a entrar en contacto con César, mozo da falecida.

A partir deste intre é cando Carla comeza a evolucionar, a descubrir un mundo completamente diferente do que ela sentía como propio e normal. E esa percepción parte da idealización do amor descrita nos primeiros capítulos, para chegar á meta anunciada no título: que amor, no fondo, é unha palabra coma outra calquera. Algo que Carla non se atrevería nin a pensar nos primeiros compases do relato.

Ao longo desta historia asistimos, xa que logo, a esa evolución do personaxe central, que comeza a actuar de maneira impulsiva, deixándose arrastrar polas circunstancias que a rodean. Pero lonxe de que esta viaxe a encarreire cara a unha deriva de pesimismo e autodestrución, como sería de rigor en calquera das novelas románticas das que falabamos ao principio, o certo é que provoca en Carla unha madurez espontánea, coma se a idea sempre estivese aí sen atreverse a agromar.

Pero a miña percepción de “Amor é unha palabra coma outra calquera” como un relato de madurez, ten unha doble visión. Non só madura Carla, tamén Francisco Castro, que se nos presenta neste relato máis sólido ca nunca, máis asentado e rigoroso. Os seus traballos anteriores deixan un excelente sabor de boca, diso non hai dúbida, pero nesta novela parece espirse por completo e acadar un grao de madurez indiscutible como contador de historias, que non deixará a ninguén indiferente.

Francisco Castro

Amor é unha palabra coma outra calquera

Editorial: Galaxia

224 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s