Achegamento a Manuel María

Achégase o día das Letras Galegas, adicado ao chairego Manuel María, e comezan a aparecer distintos libros arredor da súa vida e a súa obra. Hoxe traemos a este andel dúas novidades interesantes que Editorial Galaxia presentou estes días.

MANUEL MARÍA: “Antoloxía poética” (Edición de Darío Xohán Cabana)

mm_antoloxiaO primeiro é unha antoloxía. Todas as antoloxías son, pola súa propia natureza, discutibles, e se coñecemos a obra do autor antologado poderemos estar ou non de acordo coa escolla feita polo responsable da mesma. Pero esta escolma é moi particular e dificilmente se vai repetir. O seu principal responsable é Darío Xohán Cabana, que traballou man a man coa súa dona, Amelia Outeiro Portela, para darlle forma. E Darío, amais de escritor (o que sempre dá unha perspectiva peculiar a un traballo destas características), foi veciño, amigo e un dos máis achegados colaboradores de Manuel María. Quero dicir con isto que, con toda probabilidade, estará entre as dúas ou tres persoas que mellor coñecen o seu traballo, e iso sempre é unha garantía.

Xa advirte dende o principio que preferiu centrarse nos textos máis intimismas e existencialistas da súa inmensa obra, fronte á poesía máis popular ou combativa (aínda que tamén se inclúen algúns destes textos), deixando de lado incluso a súa fermosa poesía para nenos. Pero non perdamos de vista que os poemas que aparecen foron seleccionados por outro poeta, polo que o pracer puramente estético nótase en cada páxina e en cada verso.

De resultas desta escolma, o que se nos presenta é unha visión superficial da obra do poeta cheirego, que ben pode servir para un primeiro achegamento. A escolla está ordeada cronoloxicamente (por data de creación, non de publicación, o que nos dá unha visión máis precisa da súa evolución), logo de confrontar abondosas edicións realizadas en vida, outras antoloxías, publicacións en prensa, mesmo manuscritos. Un traballo feito con agarimo, tal e como se desprende da súa lectura. Unha antoloxía, xa que logo, que zumega a complicidade de dous talentos da nosa lírica que disfrutaron dunha amizade senlleira.

Manuel María

Antoloxía poética

Edición de: Darío Xohán Cabana

Editorial: Galaxia

244 páxinas

MERCEDES QUEIXAS ZÁS: “Labrego con algo de poeta”

mm_biografiaO segundo libro ten un caracter biográfico e a súa responsable é Mercedes Queixas Zás, que propón un achegamento ao roteiro vital do poeta contextualizando os aconteceres máis relevantes coa súa inmensa achega literaria e social. Non esquezamos que Manuel María, que se definía a si mesmo coas palabras que dan título ao libro, presenta diante nosa toda unha colección de distintas facianas, dende a súa filiación política ata a súa querencia pola terra, pasando polo seu propio pensamento cultural, as súas achegas editoriais, o seu compromiso, e un longuísimo etcétera.

Mercedes Queixas consegue amalgamar todas estas facianas a través dun fío argumental biográfico, o que nos axuda a entender moito mellor ao personaxe tan peculiar dentro das nosas letras como é o autor de Terra Chá. E faino dunha maneira tal, que a lectura do texto, salpicado de imaxes e citas, resulta fluída e amena.

“Labrego con algo de poeta” non é unha biografía feita ás presas. É un traballo cociñado con tempo e traballo que, de seguro, ficará coma un dos referentes vitais de Manuel María.

Mercedes Queixas Zás

Labrego con algo de poeta

Editorial: Galaxia

188 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s