ALBERTO FORTES: “O dobrón de a oito”

dobron“O dobrón de a oito” é unha novela de aventuras ao estilo clásico, ateigada de corsarios e contrabandistas, na que unha morte sospeitosa sobrevoa o relato, e protagonizada por un rapaz, Martiño de Santadrán. Estamos no remate do século XVIII “cando o antigo réxime estaba a esmorecer e polo país adiante medraba tanto a inseguridade dos camiños como a arbitrariedade dos escribáns e das xustizas locais”, segundo se precisa na contracuberta do libro.

Escribir unha historia destas características non é doado se queremos manter a intriga do lector e respectar a ambientación histórica sen caer en erros máis ou menos evidentes. Pero Alberto Fortes coñece perfectamente o mundo no que se desenvolve a historia. Arranca o seu relato coa chegada do protagonista a unha taberna ao pé dunha praia, rexentada por un seu tío, agocho habitual de contrabando de sal e tabaco así como de xentes de mal vivir. E se repasamos a bibliografía de Fortes non tardaremos en decatarnos de que non é a primeira vez que toca temas mariñeiros e de que xa ten publicados varios traballos sobre o papel dos corsarios e dos traficantes nas costas galegas naquelas épocas. Estamos, xa que logo, perante unha novela de ambientación histórica moi ben documentada, coa que resulta sinxelo percorrer os carreiros da Galicia costeira do momento mentres o pobo se prepara para combater “ao inglés”.

Dende a taberna da que antes falabamos, os acontecementos precipítanse xa nas primeiras páxinas do relato, cando Martiño comeza a comprender o que está a acontecer naquela baiuca á marxe da lei. O rapaz vese na obriga de fuxir e solicitar a axuda do gaiteiro de Gures, ao que coñeceu pouco antes, un vello que domina a bisbarra e os seus aconteceres. Gures dirixe os pasos do rapaz cara ao amparo do fidalgo de Dornas, o auténtico protector de Martiño, malia que no decurso do relato desvélanse outros motivos distintos do puro desinterese para ofrecerlle tal axuda.

O fidalgo de Dornas, acostumado a desenvolverse noutros ambientes máis selectos que as tabernas á marxe da lei, é quen axuda a Martiño a sentar perante o Tribunal Real da Coruña para que desvele as intrigas que tecen a trama e solucionar o conflicto, non sen ter que enfrontar duros atrancos polo camiño. Non falamos, polo tanto, dunha historia de vinganza: ten máis de iniciática, de descuberta do mundo adulto por parte do protagonista e de madurez acelerada polos acontecementos e as intrigas.

Podería chegar a pensarse, polo que aquí se leva dito, que esta novela está enfocada a un público xuvenil, habitual consumidor deste tipo de historias. Non é certo. De seguro que os rapaces disfrutarán con ela, pero non resulta difícil ler entre liñas cuestións diversas sobre sacerdotes sen escrúpulos, escribáns e alguacís que se aproveitan da súa situación, labregos explotados polos señores… e moitas outras cuestións ás que non atenden os lectores de novelas de aventuras, pero que lle dan aínda máis credibilidade á historia.

Alberto Fortes

O dobrón de a oito

Editorial: Xerais

192 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s