Dúas pezas de teatro infantil

Hoxe, este andel atéigase de movemento e de risas algareiras protagonizadas polos nenos e nenas, e por unha serie de divertidos personaxes que fan das súas sobre o escenario: teatro infantil que sae dos coliseos para entrar directamente nas aulas. Tomen nota.

RAQUEL CASTRO: “As terapias da doutora Ledicia”

raquel_castro

Comezamos con esta comedia de Raquel Castro, profesora e amante do teatro, que nos presenta unha peza breve que chega a nós avalada polo Premio de Honra de 2014 nos premios “Estornela” de teatro, convocados pola Fundación Xosé Neira Vilas.

Ledicia, a súa protagonista, é unha psicóloga especializada en terapias de humor, que ten unha clientela moi peculiar: o Apalpador, o Home do Saco, o Lobisome ou as Tres Marías, e unha axudante máis particular aínda, unha tal Carolina que nos fai recordar a aquela do “largato pintado” na saia…

A historia desenvólvese nun acto único no que os pacientes van entrando na sala e explican os seus problemas, que podemos resumir cunha diagnose común: os nenos de agora deixaron de crer neles e vense esquecidos por todos, o que lles provoca un desacougo que a doutora Ledicia deberá curar. E para iso terá que valerse da súa ciencia e do seu saber, animar de novo aos doentes mediante apertas e cancións.

A obra presenta unha estrutura sinxela e unha escenografía que a fai moi doada de representar, tanto por compañías profesionais ou afeccionadas, como polos propios nenos en funcións escolares, algo que sempre é de agradecer. Agora que están tan de moda os contidos transversais na educación, o teatro semella unha das mellores ferramentas para acadar esta meta.

Raquel Castro

As terapias da doutora Ledicia

Ilustracións: Almudena Aparicio

A partir dos 10 anos

Editorial: Galaxia

68 páxinas

CARLOS LABRAÑA: “Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada”

carlos_labranha

Carlos Labraña, pola contra, preséntanos unha peza moito máis disparatada, ambientada no mundo circense e cun punto de realidade social. Unha compañía integrada por pallasos choromicas, un mago torpe, un domador inocentón, unha trapecista zoupona, e ata unha cabra que toca o violín, padece as consecuencias da crise económica que nos afoga, pero tamén da crise que vive nestes días a súa profesión. Don Faustino, o director do circo, está a piques de perder o seu modo de vida.

A compañía en pleno achégase a unha entidade bancaria na procura de axuda, pero o seu director está a piques de fuxir cunha maleta ateigada cos derradeiros cartos que quedaban na sucursal. A súa marcha deixa aos nosos amigos desgornecidos e e contristados, ata que a aparición dos Homes Voitre, representantes da Moito Morro Corporation, achega unha pinga de luz que, case de casualidade, pode dar solución ao conflicto prantexado.

Esta comedia resulta tremendamente divertida no seu disparatado tratamento, que nos fai albiscar por momentos o teatro do absurdo. Pero aínda que poida parecer que tal afirmación alonxe a obra do público infantil, non é certo: na súa infinita inocencia, serán eles os que entendan, aínda mellor que os adultos, os lances da trama.

Carlos Labraña

Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada

Ilustracións: Rodrigo Chao

A partir dos 10 anos

Editorial: Galaxia

104 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s