MANUEL NÚÑEZ SINGALA: “Camiños na auga”

singalaNoutros tempos, os libros de aventuras falaban de viaxes sorprendentes, de paraxes descoñecidas, de piratas, de tesouros agochados… Nese sentido poderiamos considerar a última novela de Núñez Singala, “Camiños na auga”, un libro de aventuras pero, dende logo, non é un libro de aventuras convencional.

Hai unha viaxe sorprendente, a que emprende o seu protagonista, un negro albino chamado Szymo, na procura da pura supervivencia. As guerras intestinas da África central e, sobre todo, certas supersticións que atinxen aos que, coma el, teñen unha pel diferente, provocan a súa fuxida.

Aí é onde se inicia a viaxe sorprendente por paraxes descoñecidas, pola selva mesta e polo río Congo, atravesando media África na procura dunha vida mellor que o protagonista imaxina nese territorio descoñecido chamado Europa. Unha viaxe que leva a Szymo da burbullante selva ao desgornecido deserto antes de dar o chimpo definitivo.

Os piratas que aparecen neste relato non levan garfos na man nin parches nun ollo, pero teñan a mesma predisposición saqueadora que os seus predecesores. Estes piratas nin sequera viaxan en barcos, senón que fan viaxar ás súas víctimas, previo pago de cantidades desorbitadas para quen nada ten, agolpadas en caiucos destartalados na procura do seu soño particular.

E velaí o tesouro que agocha este particular relato de aventuras: unha vida mellor lonxe das miserias que rodean aos seus protagonistas. Un tesouro moito máis importante que unha simple colección de moedas de ouro e alfaias diversas.

Dito isto, podería parecer que esta novela non ten máis trascendencia que a aventura por si, pero tal afirmación está moi lonxe da realidade. “Camiños na auga” ten moito de relato iniciático, xa que o seu protagonista vén sendo pouco máis ca un neno que se ten que enfrontar coa madurez súbita, que ten que aprender a sobrevivir en solitario, perdido no máis fondo das selvas africanas para chegar, primeiro, ao mar, e dende alí dar o chimpo a Europa.

Pero, ao meu entender, o verdadeiro acerto de Núñez Singala á hora de redactar este texto non é a forma (chamémoslle libro de aventuras ou novela inciática, non importa), senón o fondo, ese pouso de realidade que nos dá unha labazada en plena cara para colocarnos fronte a unha das grandes traxedias do noso tempo, a dos refuxiados e “sen papeis” que, para vergonza da nosa sociedade acomodada, petan nas portas de Europa día si e día tamén mentras facemos que non escoitamos a súa chamada.

E, por se isto non fose abondo, cun protagonista tan atípico como Szymo, ese “negro despintado”, como di un neno ao final do relato, que nos leva a pensar constantemente en todas as formas de racismo que se agochan entre nós.

Manuel Núñez Singala

Camiños na auga

Editorial: Galaxia

296 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s