DIEGO GIRÁLDEZ: “Galería de saldos”

galeria“Galería de saldos” é un debut literario que non deixará indiferente a ninguén. Diego Giráldez preséntase ao público cunha colección de 27 contos breves (de apenas dúas ou tres páxinas cada un deles) que teñen varios elementos en común.

O primeiro e máis evidente é que en todos os relatos aparece unha obra de arte, fío conductor do libro, conformando así esta peculiar galería. Pero case sempre atopamos esas obras descontextualizadas, abaratadas a través de reproducións que as converten en obxecto de bazar, ou impresas nunha bolsa de pan, na etiqueta dun produto de limpeza, ou decorando un pano para o pescozo. Será por iso que, en vez de vir ilustrado coas obras orixinais, cada relato está acompañado dunha “interpretación” vectorizada feita por Iago Sánchez Losada, o que axuda a darlle un certo aire de unidade a todo o conxunto.

O segundo elemento é a colección de personaxes que desfilan entre as súas páxinas, aos que tamén podemos considerar fóra de lugar. Son xente do común que se ve asoballada por unha realidade que os trata con dureza, xente á que lle fixeron crer que os seus padecementos son froito do momento que lles tocou vivir e que loita con maior ou menor fortuna por sobreporse a esa situación. Non falamos de “fracasados”, senón de “fracasables”, se se me permite inventar tal palabra; “antiheroes en bata de casa”, como se definen na contracapa, que loitan contra unha vida que os castiga. Este elemento fai de “Galería de saldos” un libro apegado á actualidade e é a desculpa perfecta para tratar temas tan vivos coma os desafiuzamentos ou a violencia machista, xunto a outros máis xenéricos coma o desamor, a soidade ou a vellez.

Pero será o terceiro dos elementos referidos o que, ao meu entender, lle dá a maior unidade a este conxunto de relatos; o que, con toda seguridade, vai converter esta “Galería de saldos” nun título de referencia da literatura galega contemporánea: o xeito narrativo do autor. Diego Giráldez descúbrese como un escritor con personalidade propia, cun estilo definido e preciso con moito de novidoso, que roza a prosa poética sen chegar a adentrarse de todo nela; un estilo directo e impactante no que o emprego que fai de símiles e metáforas é, a miúdo, unha labazada na cara. “Diego non escribe, dispara”, dixo Ledicia Costas con gran acerto durante a presentación.

O lector séntese coma un boxeador no cuadrilátero, vapuleado por imaxes perturbadoras as máis das veces, elaboradas con precisión e grandes doses de ironía. Imaxes poderosas e estarrecedoras, si, pero tamén entrañables, líricas; imaxes divertidas, retranqueiras; imaxes falcatrueiras, reviradas… e sempre sorprendentes.

Pasear por esta peculiar galería significa adentrarse en novos mundos que, no fondo, están tan cerca de nós que mesmo podemos vernos reflectidos en calquera páxina. Situacións cotiáns (ou non tanto) que son representadas coa habilidade e exactitude dun ciruxián que opera a corazón aberto, nas que vai debuxando perfís de protagonistas perfectamente identificables e que, no fondo, o que buscan é facer que reflexionemos por nós mesmos sobre as cuestións propostas sen necesidade de darnos unha lección moral, o que sempre é de agradecer.

Por todo iso, “Galería de saldos” é un libro para ler moi, moi de vagar, un libro para saborear no fondo do padal cada frase, cada parágrafo, cada imaxe coa que Diego Giráldez nos agasalla. Diría, incluso, que non é un libro que abonde con ler unha soa vez, senón que é deses que colocas nun lugar privilexiado do teu andel para volver onda el de cando en vez e chucharlle todo o zume que agocha entre as súas páxinas.

Diego Giráldez
Galería de saldos
Ilustracións: Iago Sánchez Losada
Editorial: Xerais
168 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s