XOSÉ MONTEAGUDO: “Todo canto fomos”

monteagudoAdentrarnos en “Todo canto fomos” (probablemente un dos títulos máis atinados que o autor puidese manexar), significa percorrer o derradeiro século collidos da man de Xosé Monteagudo para adentrarnos nunha novela grande en formato (supera as 500 páxinas), e cunha estrutura moi traballada.

Para entender isto convén saber que, neste caso, comezamos o relato a través de cinco historias diferentes, con distintos protagonistas, escenarios, mesmo situación temporal. Dende un rapaciño que cruza o Atlántico na procura de fortuna nos confíns do século XIX, ata un escritor actual, de orixe galega pero afincado en Londres, que recibe da súa nai recentemente falecida unha morea de escritos nos que pescudar no seu propio pasado para darlle a volta á súa realidade. E no medio, unha mestra rebelde na Galicia prerrepublicana, a propietaria dunha libraría en pleno franquismo, e un historiador asoballado polo golpe de Estado que deu lugar á Guerra Civil.

Todas as historias desenvólvense con independencia unhas das outras, o que non deixa de provocar no lector certo grao de confusión inicial. Pero ben adentrados nas súas páxinas é cando comezamos a descubrir, paseniño, case sen decatarnos, que entre algúns dos protagonistas destes relatos se estableceron unha serie de relacións que, finalmente, rematan por argallar unha historia común que percorre dun extremo ao outro a Galicia do século XX.

A habilidade demostrada por Monteagudo para que o lector non se perda entre tal maremagnum de situacións, datos e nomes, resulta gratamente sorprendente. A estrutura de todo o relato, con constantes saltos no espazo e no tempo, mesmo misturando realidade e ficción en determinados momentos, forma parte dunha engranaxe perfectamente calculada e engraxada como para que a lectura desta novela resulte gratificante; un auténtico mecanismo de reloxería que funciona á perfección.

Convén salientar que os personaxes están tan ben trazados que gozan da credibilidade do lector ao longo de todo o relato, aínda a pesar da evolución que sofren algúns deles case sen dacatarnos. Pero nas derradeiras páxinas é doado percibir que o Amaro ancián, por exemplo, nada ten que ver co rapaz inocente que cruzaba o Atlántico; que o escritor, a pesar do pouco tempo transcurrido no seu caso entre o principio e o remate da historia, nunca volverá a ser o mesmo, ou que a nena Maribel que vivía no orfanato foi superada polas circunstancias da vida ao chegar á trintena. E no medio, personaxes memorables, coma Carlota, a mestra coa que resulta doado empatizar xa dende a súa presentación.

Para engraxar toda esta complicada maquinaria, Monteagudo escapa da linguaxe rebuscada en favor dunha mensaxe directa, clara e sempre precisa, algo que o lector agradece á hora de enfrontarse a unha historia da que el mesmo forma parte sen sabelo.

Xosé Monteagudo
Todo canto fomos
Editorial: Galaxia
534 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s