DIEGO GIRÁLDEZ: «’Galería de saldos’ nace nun contexto adverso para escribir finais felices»

Fai pouco máis dun mes que ‘Galería de saldos’ saíu do prelo e xa está dando moito que falar nos ambientes literarios. O responsable é o porriñés Diego Giráldez, un licenciado en Historia da Arte que desviou o seu rumbo profesional cara ao mundo da comunicación. Agora dá un paso máis ao adentrarse no das letras con esta colección de relatos apegados á realidade cotiá e escritos cun estilo moi particular que non deixará a ninguén indiferente.

diego-giraldez

© María Díaz

 

¿Como xurde un libro de relatos coma este?
A idea xurde no ano 2010, no mes de setembro, logo de eu quedar no paro e ler o “Vidas pos-it”, de Iolanda Zúñiga. A letura deste libro, tamén de relatos, foi influínte. Era un momento no a crise económica e a súa xestión golpeaba con dureza; chegábanse a ler titulares incluso de xente que se suicidaba, desesperada. A xente cría que as malas rachas de sorte invadíano todo. Todo saía mal. O libro xurde da vida real, nese entorno de resignación, que aínda está presente. Neste contexto nace “Galería de saldos”, nun contexto adverso para escribir finais felices.

Os contos que o integran son relatos breves, de apenas un par de páxinas cada un. ¿Resultoulle difícil condensar as historias desa maneira?
Eu quería que a xente pasease pola galería de relatos como quen visita un museo en modo turista, non coma un entendido snob. De aí a brevidade do tamaño dos relatos. Ler e pasar a outro ou ler de xeito salteado, coma quen se nega a facer o percorrido que marcan os técnicos dun museo. De aí tamén que cada un sexa distinto a outro: distintos tamaños, enfoques, cores, sensacións. Igual que unha colección permanente dun museo conformada con obras distintas. O certo é que non foi doado desenvolver as historias nun espazo tan pequeno, e máis con eses finais tan pechados, pero era necesario, repito, para crear a sensación que eu buscaba.

¿Por que decide que unha serie de obras de arte fagan de fío condutor do libro? ¿Ten que ver con que sexa vostede licenciado en Historia da Arte?
Elixín obras de arte porque a min, particularmente, é a expresión que máis e mellor me revolve o estómago. A miña licenciatura en Historia da Arte non ten nada que ver, a min apáixoabame a arte antes de pisar a Universidade. Eu era dos que atendía ás clases antes de coller apuntamentos coma un autómata.

“…a min apáixoabame a arte antes de pisar a Universidade. Eu era dos que atendía ás clases antes de coller apuntamentos coma un autómata”

En “Galería de saldos” as obras de arte están case sempre descontextualizadas, fóra de lugar, reproducidas ou recreadas en bolsas de pan, en etiquetas de produtos de limpeza, nunha pluma estilográfica, nun edredón… ¿Por que? ¿Cal debe ser a función da arte?
A función da arte ten que ser, como dicía antes, revolver o estómago para ben ou para mal. Ninguén con falla de sensibilidade pode sentir esa sensación. Cando rematei a carreira, decidín non facer o famoso CAP, o que dá a posibilidade de ensinar, de ser mestre. Eu negueime. Basicamente porque eu podería explicarlle a calquera quen é Giotto pero non como se pode sentir o que eu sinto cando vexo un dos seus frescos. Entón, para min, sería sempre unha batalla perdida. Para este libro elexín reproducións de obras de arte porque, ademais de que sempre foi unha curiosidade que me chamou a atención, sirven para potenciar a descontextualización das vidas dos personaxes, que están noqueados, perdidos na súa propia casa.

galeria saldos entrevista

Os personaxes son xente cotiá cun punto de fracasados, “antiheroes en bata de casa”, di na contracapa. ¿É un libro desesperanzador?
Non, en absoluto. Non son personaxes fracasados, son personaxes resignados. Resígnanse pero tiran cara adiante, como cada un de nós. Digamos que aínda que o pasan mal, teñen confianza na esperanza e tiran do carro.

Sendo os seus protagonistas xente do común, con vidas cáseque aburridas, a miudo vense en situacións atípicas, mesmo rocambolescas. ¿É intencionado?
“Galería de saldos”é un libro baseado na realidade. Por iso é certo que son vidas moi rutinarias, porque o 90% por certo da poboación, non sei se por sorte ou por desgraza, nin podemos viaxar en jet privado a París para tomar un café, nin podemos coleccionar colmillos de elefante, nin comprar unha virxe gótica para poñer a adornar sobre a tapa da cisterna. Lembremos que, máis ou menos sofisticados e extravagantes, os personaxes do libro son xente do común.

Sorprende a súa maneira de escribir, esas imaxes ás veces líricas, ás veces aterradoras, ás veces inquietantes… ¿É un estilo buscado?
Eu sempre escribín así, non sei facelo doutro xeito. Ademais non creo nos estilos predeseñados con ánimo de chegar a un público determinado: ou tes estilo ou non.

Estaba desexando subir a este ring para resistir de pé ou caer por KO. Ninguén debería escribir para pasar desapercibido

Non semella fácil escribir desa maneira. ¿Considera vostede que escribir “doe”, como din algúns autores?
Depende, seescribes como falas, non debería de doer. Son dos que penso que a literatura é creatividade e iso esixe frear en seco en cada renglón para notar que o que estás a crear funciona, que vai directo ás tripas do mesmo xeito que ao corazón ou o padal. Ademais disto, a min pásame algo estrano e contraditorio: dóeme porque son un tipo moi preguiceiro á hora de sentarme a escribir, a pesar de que é o que máis me gusta facer.

¿Ten intención de dar o salto á novela ou prefire quedarse no mundo do relato?
Arranquei unha novela, tireime de cabeza. Levo un par de meses traballando nela aínda que, do mesmo xeito que con “Galería de saldos”, dunha maneira moi lenta. Será unha novela cunha trama sinxela na que hai unha pinup dos anos 50 polo medio.

¿Está preparado para calquera tipo de crítica sobre “Galería de saldos”?
Por suposto, estou disposto a ser golpeado. Estaba desexando subir a este ring para resistir de pé ou caer por KO. Ninguén debería escribir para pasar desapercibido.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s