Verne e Vigo

Que os vigueses senten unha particular devoción por Jules Verne logo de que o mítico Nautilus recalase na súa ría, non é nada novo. O que si é casualidade é que dous autores afincados na cidade coincidan no tempo con senllas novelas, en principio dirixidas a un público xuvenil, que amosan claramente esa devoción. A primeira conta coa presenza, nada menos, que do propio escritor; a segunda, do protagonista de “20.000 leguas baixo os mares”.

LEDICIA COSTAS: “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta”

verne_lediciaA fecundidade de Ledicia Costas é tal que, meses despois do seu primeiro e imprescindible libro de relatos para adultos, presentou unha peculiar “precuela” da súa Escarlatina; e poucos meses máis tarde, achega un novo relato que vén recoñecido polo Premio Lazarillo do ano pasado, o máis relevante que se concede no Estado relativo á literatura infantil e xuvenil.

Nesta ocasión, Ledicia aproveita datos reais dunha visita do escritor francés Jules Verne á cidade de Vigo para, partindo da realidade (mesmo inclúe retallos da pensa da época), argallar un relato no que Verne é, xunto a Violeta, o protagonista. Para darlle maior aparencia de veracidade, outros personaxes reais, como Sanjurjo Badía, teñen un papel fundamental nahistoria. Pero estes datos non deben levarnos a engano: “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta” é unha novela fantástica, tal e como fai presaxiar o seu título. A realidade non é máis ca unha plataforma dende a que esparexer ao mundo a inqueda imaxinación de Ledicia.

O relato parte da premisa de que a visita a Vigo de Verne, que daquela xa era un escritor coñecido no mundo enteiro, non é casualidade, como nos dixeron os datos históricos, senón que anda na procura dunha misteriosa saga de mulleres planta que vive entre nós sen darse a coñecer. Acompañado do grumete Pierre, da súa absoluta confianza, chega á botica de Philipot, garda e custodio do segredo da estirpe. O boticario, avó de Violeta, estácasado con Melisa, outra muller planta á que lle está a chegar o tempo de se converter en árbore. Pero para poder cumprir o seu destino necesitará da axuda de todos eles e ata de Sanjurjo Badía que, como sabemos, andaba por aqueles intres encerellado no deseño dun submarino que non chegou a rematar.

A novela, escrita con ese coidado co que Ledicia trata os seus textos, resulta ser unha marabillosa aventura na que a escritora nos fala da necesidade de colaboración para acadar determinados fins e para manter certos secretos. Pero é, ante todo, unha amena maneira de adentrarse no mundo da literatura, mesmo da botánica, da man de Ledicia e de Verne.

Ledicia Costas
Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta
Editorial: Xerais
248 páxinas

MANUEL SÁNCHEZ GÁLVEZ: “Maelström, Maelström”

verne_maelstromO outro relato que achega a Verne a Vigo é “Maelström, Maelström”, debut literario de Manuel Sánchez Gálvez, enxeñeiro granadino afincado na cidade. O ano pasado chegou a ser finalista do Concurso de Novela por Entregas de La Voz de Galicia cun relato que acabou por se converter nesta novela.

Neste caso, Verne cédelle protagonismo a un dos seus personaxes, o Capitán Nemo, que resulta ser vítima dunha maldición logo de enfrontarse ao Malström, monstro mitolóxico semellante ao Kraken e identificado cos remuíños de auga da costa norueguesa do mesmo nome, moi presentes na mitoloxía mariñeira da zona. Ese enfrontamento foi o que provocou o afundimento do Nautilus e maila devandita maldición, que conlevaba a inmortalidade do personaxe, pero tamén a prohibición de volver ao mar e a obrigatoriedade de ficar na cidade de Vigo.

Nestas circunstancias, Nemo acaba por renegar do seu pacto e descubrir a necesidade de enfrontarse de novo aos seus propios temores, personalizados no Maelström, para acadar a liberdade. Ou iso é o que atopa Amanda ao chegar ao ático que acaba de alugar: un escritorio de madeira e, nun dos seus caixóns, a confesión de Nemo respecto da súa historia.

Mistúranse, desta maneira, pasado e presente, realidade e ficción, nun relato que non pasa de ser unha excusa para percorrer a cidade de Vigo nos últimos 150 anos e lembrar a algúns dos seus personaxes máis interesantes. Mais, finalmente, Amanda atopará vínculos inesperados entre a historia de Nemo, á que non acaba de darlle creto, e a súa propia realidade.

Manuel Sánchez Gálvez preséntase, deste xeito, como un nome a ter moi en conta no panorama literario galego. Unha prosa sinxela e directa que, por momentos, chega a insinuar certo parentesco cos pesadelos de Lovecraft, sobre todo en boa parte do manuscrito de Nemo, e unha fluidez narrativa que fai desta historia unha excelente compaña para rapaces (e non tanto) nestas tardes de verán.

Manuel Sánchez Gálvez
Maelström, Maelström
Editorial: Galaxia
100 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s