INMA LÓPEZ SILVA: “Aqueles días en que eramos malas”

malas_A concepción da maldade como alicerce dunha novela. Velaí é o que nos presenta Inma López Silva na súa última entrega, “Aqueles días en que eramos malas”. Pero da lectura deste texto pódese tirar como principal conclusión que ese concepto non resulta tan claro como de principio poida parecer.

Para prantexar a súa tese, a autora xunta nun módulo do Centro Penitenciario de A Lama a un grupo de mulleres bastante heteroxéneo: unha prostituta e delincuente común, unha “mula” colombiana, unha monxa, unha funcionaria de prisións e, como nexo de unión de todas elas, unha escritora que decide relatar o que alí acontece. Coñecendo as historias de Margot, Valentina, Sor Mercedes, Laura e Inma, ímonos mergullando aos poucos nese concepto de maldade que pode chegar a ser tan subxectivo. Todas as mulleres encerradas (mesmo a funcionaria, a única sen condea), tiveron os seus momentos de debilidade, pero ao avanzar nas razóns que provocaron a súa situación resulta doado empetizar con elas, mesmo chegar a comprender que a súa sentenza ten máis que ver coa mala sorte e a falla de recursos que cunha maldade intrínseca.

Brincamos, xa que logo, do concepto de maldade a outro que resulta consecuencia daquel: a perda de liberdade. O castigo resulta esaxeradamente cruel en determinadas sensibilidades chegando a provocar situacións peores que aquela que se pretende evitar co encerramento. A dicotomía entre as presas e a funcionaria (a única que non perdeu a liberdade, cando menos por mor dunha sentenza), axuda a comprender mellor esa proposta. Entramos así nun xogo de valoracións subxectivas arredor de dous conceptos tan relevantes no que cada lector tirará as súas propias conclusións.

É certo que falamos dunha novela “de mulleres” (tanto no que respecta ás protagonistas como á autora), etiqueta esta que a miúdo parece querer agochar certo menosprecio cara a este tipo de relatos. Pero Inma López Silva demostra nestas páxinas que tal cousa é coma querer poñerlle portas ao campo. “Aqueles días en que eramos malas” é unha gran novela. Así, sen calificativos. Se os protagonistas fosen homes e estivese relatada por un home, seguramente perderiamos gran parte da sensibilidade que Inma desprega sobre as protagonistas. Quizás fose tamén unha boa novela, pero xa sería outra cousa.

Mención aparte merece o xogo metaliterario que a autora propón e que, dende o meu punto de vista, é un dos grandes acertos do relato. O lector é testemuña directa do proceso creativo da novela seguindo os pasos da escritora encerrada, que decide relatar o que alí acontece para demostrarlle á súa parella que perdeu o instinto narrativo (algo no que, evidentemente, se equivoca). En ocasións, a narradora diríxese directamente a este personaxe ausente facendo comentarios relativos a ese proceso creativo, compartindo con el inquedanzas e dúbidas derivadas do mesmo. Ata ten a “ousadía” de incluir nun capítulo unha listaxe cos pros e os contras de continuar o relato de determinada maneira. E isto danos unha visión máis intimista do personaxe, pero tamén do proceso creativo seguido pola autora facendo que o lector se implique de maneira moi directa no relato.

Inma López Silva

Aqueles días en que eramos malas

Editorial: Galaxia

424 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s