Literatura breve

Hoxe subimos a este particular andel dous exemplos claros de que a boa literatura non necesita unha extensión determinada para se manifestar. Un libro de artigos xornalísticos con vocación literaria, e outro de… ¿pensamentos? ¿recordos? ¿pílulas de memoria…? ¡Non sabería non como definilo!

MIGUEL ANXO MURADO: “Libro de horas”

miguel_anxo_muradoO artigo xornalístico sempre foi considerado un xénero menor polos eruditos da literatura, pero semella que Miguel Anxo Murado quere rebater esa tese. Os seus traballos anteriores puramente xornalísticos xa daban algunhas pistas, e os traballos literarios descubrían a un autor creativo e orixinal. Pero foi en 2014 con “Escrito en cafeterías”, onde deu o paso definitivo. Esta nova obra, “Libro de horas”, redunda na mesma idea.

O “Libro das horas” inclúe unha selección dos mellores textos publicados por Murado no xornal “La Voz de Galicia” entre marzo de 2014 e xullo de 2015, na sección do mesmo nome. Máis de medio cento de artigos de vocación xornalística nos que o autor nos leva a viaxar por medio mundo debullando para nós algunhas das peculiaridades que atopou no seu traballo.

Murado insírelle aos textos unha calidade literaria que considero indiscutible. A radiografía que nos presenta da realidade cotiá, vén adobiada por unha visión delicada e sutil na que a percepción estética resulta ser un aliciente máis para enfrontarnos aos aconteceres diarios.

Son textos breves, todos eles de extensión semellante (apenas un par de páxinas, imposición dada polo tamaño da sección na que apareceron), nos que non sempre asistimos a cuestións que poderiamos considerar “de portada”, senón a esa visión particular que asiste aos que xa viron todo canto podían ver e agora atenden a miudezas que reflicten perfectamente a situación do mundo. Deste xeito, o mesmo nos fala das barbas de Tutankhamon que das cancións dos Rolling Stones traducidas ao latín, dos ósos de Cervantes ou da figueira de Rosalía, das laranxas de Gaza ou dos volcáns de Islandia.

En definitiva, unha lectura pracenteira tanto para os que están interesados nos aconteceres do mundo, como para os que só buscan o pracer de sentarse no sillón favorito e pasar un rato agradable cun libro entre as mans.

Miguel Anxo Murado
Libro de horas
Editorial: Galaxia
188 páxinas

XURXO CHAPELA: “Lémbrome”

xurxo_chapelaO caso de Xurxo Chapela é aínda máis breve, xa que neste libriño preséntanos un total de 500 textos que, máis ca breves, eu diría fugaces. Dúas ou tres liñas na maioría dos casos, que son un canto á memoria persoal e colectiva de toda unha xeración.

O propio autor recoñécese debedor neste traballo do “I remember”, do poeta norteamericano Joe Brainard, e dos seus seguidores, principalmente o francés George Perec. “I remember”, publicado inicialmente nos anos 70, recolle algunhas das lembranzas do autor. En certa maneira poderiamos consideralo como unha especie de libro de memorias “deconstruído”, agora que tal palabra está tan de moda, no que atopamos de maneira caótica e desordeada as vivencias persoais do autor. Coma se fosen flashes de lucidez nun mundo sen organizar.

Xurxo Chapela segue o mesmo esquema nunha homenaxe particular a Brainard. Ao longo das páxinas deste breviario asistimos a algúns momentos da súa infancia e adolescencia e, sobre todo, ás súas sensacións e vivencias. Ás veces cargadas de lirismo, outras de cotidianeidade, outras de dureza, estas lembranzas teñen a virtude de debuxar a nenez dos que vivimos a mesma época e a percibimos cos mesmos ollos infantis, de trasladarnos a outro tempo nunha viaxe persoal para reencontrarnos con nós mesmos a través dos ollos de Xurxo.

Quizais sexa por iso que o propio autor quixo deixar un par de páxinas en branco ao final do libro, para que cada un dos lectores lle dea continuidade aos seus pensamentos reflectindo os seus propios recordos.

Resulta complicado resumir o contido de “Lémbrome” alén do descrito, xa que o mesmo nos atopamos coa caída do muro de Berlín ou o asasinato de John Lennon, como coas tetas de Nadiuska preto de Tierno Galván, os primeiros videoxogos no Spectrum, Kiko Veneno vestido de Frankenstein, a Disco Express, Anacleto (axente secreto), e tantos e tantos referentes doutro tempo. Quizais aos máis novos non lles diga nada este breve inventario, pero aos que xa temos uns anos fainos sorrir…

Xurxo Chapela
Lémbrome
Editorial: Positivas
100 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s