MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ: “Un dente sen cadáver”

un_dente_sen_cadaverSeguro que haberá alguén que, a estas alturas da vida, aínda non saiba quen é Frank Soutelo. Pois para eses despistados cómpre dicir que é un dos nosos máis solicitados detectives literarios, froito da imaxinación de Miguel Anxo Fernández. Dende que en 2002 se nos dera a coñecer a través do relato gañador do Premio Manuel García Barros, ‘Un nicho para Marilyn’, este herdeiro dos grandes sabuxos das novelas e das películas americanas dos anos 40 e 50, non deixou de gañar adeptos con cada nova entrega. E xa van seis.

‘Un dente sen cadáver’ é unha viaxe ás raíces de Frank, o detective de orixe muradá que naceu e viveu nos Estados Unidos. Nesta ocasión verase na obriga de deixar o seu despacho en Los Ángeles para para facerse cargo dunha herdanza familiar. Pero á súa chegada recibe unha sorpresa doble: por unha banda, descobre que un dos terreos herdados foi edificado sen permiso, e pola outra, que a súa amiga Dalia, investigadora, está esperando a súa chegada para resolver un asunto peculiar. Unhas semanas antes da celebración da Festa do Cocido de Lalín, nun restaurante da zona aparece un dente humano dentro dun chourizo. Soutelo é contratado para averiguar a quen pertence ese dente e como foi a parar ao prato.

Con esta premisa, Miguel Anxo Fernández é quen de argallar unha novela de intriga entretida e tecida cunha linguaxe clara e directa. Unha historia apegada á realidade que se move entre as industrias cárnicas, as inmobiliarias sen escrúpulos, a trata de mulleres, a violencia de xénero, os avogados trapalleiros, a precariedade laboral, os inmigrantes ilegais, e os fíos do poder político sempre a enlealo todo. E Frank Soutelo, aferrado á súa eterna moleskine, vai tomando nota dos detalles ata desintrincar os dous asuntos que o reteñen nestas terras e que, aos poucos, se van achegando ata confluir para darlle á historia un final común.

Frank móvese pola metade sur de Galicia, entre Muros, Soutelo de Montes, Lalín e O Carballiño, para encaixar as pezas do crebacabezas que ten fronte a el. E aproveita, como fai tan a miúdo, para louvar a gastronomía galega. Non é que sexa un gourmet de primeira, coma o seu colega Pepe Carvalho, pero sempre lle fixo ollos a unha boa mesa e, estando nestas terras, non podía desaproveitar a ocasión.

Os amantes do xénero teñen en ‘Un dente sen cadáver’ a oportunidade de acompañar ao vello Frank na súa andaina a carón de personaxes tan peculiares coma o sarxento da Policía Municipal, Franeiras; o garda civil retirado, Poncio; ou o suxerente tanatopráctor Sugar Jones. E, como non podía ser menos, atopará ao longo destas páxinas mulleres seductoras, traizóns, o lado máis negro da condición humana, un secuestro, e ata un tiroteo final.

Pero para Soutelo, este caso, probablemento o máis sinistro da súa carreira, aínda lle traerá novas aportacións inesperadas ao obrigalo a fedellar na súa raigame familiar para descubrir cuestións inesperadas. Quen sabe se, no futuro, mudará definitivamente o seu acomodo baixo o sol californiano polo noso orballo, para afondar na súa propia historia…

Miguel Anxo Fernández
Un dente sen cadáver
Editorial: Galaxia
248 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s