XERARDO AGRAFOXO: “Viaxe á última revolución

xerardo_agrafoxo“Viaxe á última revolución” é un título que non engana e que describe á perfección o contido do libro que nos ocupa. Ao longo das súas páxinas, Xerardo AgraFoxo (respeto a grafía empregada polo autor) fálanos dunha viaxe realizada en novembro de 2014 a Cuba.

Xa dende o principio, AgraFoxo explica que estivera na illa caribeña 30 anos atrás, cando a caída do Muro de Berlín, e que a súa pretensión á hora de organizar esta expedición era a de comparar a evolución sofrida polo país durante todo este tempo, vítima da política internacional do momento. Partindo desta premisa, botamos de menos na lectura deste caderno de viaxe unha comparativa algo máis profunda coa situación da illa durante a súa primeira estadía, o que daría unha visión moito máis completa para os que non tivemos a fortuna de visitala.

Pero a pesar desta leve carencia, o relato que AgraFoxo nos presenta ten interese de abondo como para mergullarnos nas súas páxinas. A viaxe comeza en Santiago de Cuba, na parte máis oriental da illa, e remata na Habana 31 días despois. Unha das teimas do autor é a de escapar da típica visita turística e adentrarse no máis profundo do lugar, viaxando polos medios habituais empregados polos cubanos, hospedándose en casas particulares en moitos casos, e sobre todo falando con eles para que lle transmitan a súa visión da situación actual. Ao meu entender, ese é un dos grandes acertos do relato, xa que nos aproxima de maneira evidente á situación cotiá que está a atravesar o país.

O que AgraFoxo nos presenta é unha Cuba triste e silandeira, afogada polos acontecementos políticos que provocaron o seu illamento e por un embargo que dura demasiado e que procura (e semella a piques de conseguir) o afundimento do sistema, logo da perda do apoio do bloque soviético. As tímidas aperturas políticas dos últimos anos, lonxe de arranxar o problema, están a provocar unha certa desigualdade que ameaza con dividir á poboación entre ricos e pobres, logo de tantos anos de igualdade.

A impresión que o lector saca é a de que asistimos á caída dun réxime que se deteriora por falla de avance, pero que non por iso deixa de exhibir con orgullo e certa fachenda algúns dos seus logros máis significativos, como é o caso do altísimo grao de escolarización e o nivel acadado pola educación cubana, algo no que se insiste en varios puntos do relato. Pero os licenciados universitarios vense na obriga de desenvolveren traballos moi inferiores á súa cualificación por pura supervivencia, mentres o sistema vai quebrando baixo os seus pés.

A pesar do dito e da tensa espera de acontecementos que semella padecer, o pobo cubano mantén, en xeral, un espírito afable e agarimoso. E non dubida en ofrecer ao viaxeiro, mesmo a un coma o autor, que se afasta das canles habituais para os turistas, a donosura e amabilidade caribeñas. Velaí a conclusión da lectura.

Xerardo AgraFoxo
Viaxe á última revolución
Editorial: Galaxia
372 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s