SANTIAGO JAUREGUIZAR: “Placebo”

placebo-1Oito anos despois de ‘O Globo de Shakespeare’, Santiago Jaureguizar regresa á narrativa galega para adultos. Logo de centrar a súa actividade literaria nas series de ‘Tintimán’ e ‘Os Sabuxos’, dirixidas a un público moito máis novo, trae debaixo do brazo ‘Placebo’, unha novela basicamente de amor, pero que ten unha chea de concesións á intriga, a memoria, e as segundas oportunidades.

Roi reaparece en Ribadeo logo dun tempo fóra. Propietario dun concesionario de automóbiles en crise, viaxara meses atrás a París na procura dunha axuda para salvar o seu negocio. Na capital francesa, un accidente provocoulle a perda da memoria, polo que o seu retorno ten algo de descuberta do seu propio pasado. E ese retorno suponlle reencontrarse cunha vida máis ou menos acomodada, un matrimonio en horas moi baixas, unha amante que reclama o seu lugar, e un entorno que lle parece alleo. El tamén cambiou, coma se o accidente lle fixese reprantexarse a súa propia existencia. E Beatriz, a súa dona, que xa se sentía unha viúva desconcertada pola ausencia, aproveita a muda de Roi para tratar de reconducir a súa relación.

Velaí a historia de amor que centra o relato, un amor que é retratado neste caso coma esa nube chea de misterio que é capaz de manternos en pé e loitar, pase o que pase. E velaí o traballo selectivo por recuperar da memoria as vivencias máis positivas desbotando as malas lembranzas para salvar esa historia de amor, malia o conflicto que nace da escolla. E velaí a segunda oportunidade que Roi chega pedindo e que Beatriz está encantada de lle ofrecer. O da intriga ten que ver cun asunto familiar do que prefiro non dar pistas para non estragar sorpresas; pero habela, haina.

Con estas premisas, ‘Placebo’ preséntasenos coma un relato ben argallado e ben resolto (a pesar de que Jaureguizar se permite o luxo de deixar algúns dos personaxes bailando na corda floxa dos seus propios conflitos), cunha trama que nos conduce cara a ese punto no que o autor quere colocarnos antes de darlle un xiro completo á narración. Unha e outra vez. As pistas que vai deixando ao longo das súas páxinas fannos intuír que algo non encaixa, pero resulta difícil adiviñar os lugares aos que Jaureguizar nos quere levar. Lugares que teñen moito que ver coas vivencias, cos desexos, coas arelas e, sobre todo, coas emocións. A lectura é, polo tanto, sorprendente en todo momento, algo que sempre é de agradecer.

O autor amosa o mellor do seu estilo descarado e ata transgresor, despregando para nós boas doses de mordacidade, viveza e, sobre todo, moita precisión na selección de cada palabra empregada. Percíbese ao adentrarnos nas páxinas desta novela un traballo longo e minucioso que dá como resultado unha lectura áxil, amena e moi intensa, o que facilita penetrar no contido relatado.

Jaureguizar xoga con nós e coas nosas emocións coma un neno xoga cunha simple corda; enreda coa necesidade que cada un de nós temos de contar co noso particular placebo, aquilo que nos permite soportar unha vida que non sempre é nin sinxela, nin feliz. E faino coa destreza dun croupier de casino dotado para os malabares.

Santiago Jaureguizar
Placebo
Editorial: Xerais
200 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s