O suicidio da Sibila

A forza da linguaxe e a sublimación do “eu” protagonizan este andel cheo de lirismo, de beleza e de preguntas das que tirar conclusións. Un poemario que testemuña ata que punto a morte tronzou unha carreira máis ca prometedora, no caso de Fran Cortegoso, e outro que nos presenta a unha debutante nos versos como Rebeca Baceiredo, cun pensamento profundo e ben entrenado no eido da filosofía. Dous dos libros de poesía máis vendidos nas últimas semanas. Por algo será…

FRANCISCO CORTEGOSO: “Suicidas”

francisco_cortegosoFrancisco Cortegoso quixo contradicir o destino, que lle tiña asignada unha morte moi prematura con apenas 31 anos. E para iso deixou tras de si este poemario no que ispe o seu pensamento diverxente para presentar unha colección de poemas limpa e preciosista coa que deixar as letras galegas un chisquiño menos orfas coa súa marcha.

Estamos perante un texto peculiar que nace, tal e como o autor confesa, da lectura de outros textos de distintos escritores que decidiron rematar coa súa vida. (¿Pode haber maior ironía?) E destas lecturas xurde a reflexión acerca de como a enorme forza da palabra nos pode conducir á violencia; incluso á violencia contra nós mesmos.

Partindo desa idea, Cortegoso procura neste texto unha linguaxe alternativa coa que facerlle fronte ao mundo, e acada a súa meta a través de imaxes sinxelas, donosas, e dun estilo que procura a beleza formal e nidia, a excelencia da palabra precisa no momento axeitado. O resultado pode parecer máis simplista do que realmente é, xa que tras da palabra agocha pensamentos moito máis profundos. Por iso este libro necesita de varias lecturas antes de darnos por satisfeitos con el.

Convén salientar que, pese aos prolegómenos desta recensión, os 36 poemas que integran “Suicidas” son previos á enfermidade que rematou coa vida do autor. Non estamos, xa que logo, perante un texto testimonial, nin diante dunha despedida. Estamos fronte a un convite á reflexión sobre a linguaxe e sobre a propia poesía como forma de arte.

Francisco Cortegoso
Suicidas
Editorial: Chan da Pólvora
80 páxinas

REBECA BACEIREDO: “O canto da Sibila”

rebeca_baceiredoRebeca Baceiredo estréase no mundo da poesía con “O canto da Sibila” logo de escribir varios ensaios de corte filosófico. E faino coa forza dun poemario que poderiamos definir como liberador no sentido de que racha con calquera forma de enclaustramento do individuo á hora de lanzarse ao mundo.

Estamos perante uns versos que, na súa forma, semellan intuitivos, case improvisados, nos que trata de amosar diferentes estadios da personalidade do “eu” protagonista. A través desta variedade de momentos, Rebeca Baceiredo entra nun xogo de múltiples voces na expresión, voces diferentes que non representan a distintos personaxes, senón que todo semella unha mistura polifónica procedente dun mesmo suxeito.

Falamos, entón, da multiplicidade do individuo, das distintas facianas que agocha unha única personalidade, que ben podería xurdir do máis fondo dos tempos, como a propia Sibila, unha personaxe mitolóxica posuidora do don da adiviñación. O lector deberá esforzarse en atopar a vía de achegamento a esas voces que traspasan as magnitudes para evitar que sexan outros os que as interpreten, como din que facían os sacerdotes cosa palabras da Sibila.

Este fío narrativo lévanos a unha visión de tintes un tanto apocalípticos, na que o único relevante, no fondo, é o propio individuo, o “eu” que deambula por estas páxinas na procura dunha físgoa que o libere das súas ataduras.

Rebeca Baceiredo
O canto da Sibila
Editorial: Galaxia
94 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s