DAVID PÉREZ IGLESIAS: “Todo o tempo do mundo”

todo_o_tempoDicir que esta novela, que vén avalada polo Premio Merlín de Literatura Infantil, é unha historia de corte realista sobre a descuberta de mundos descoñecidos, podería parecer pretencioso de máis. Pero o certo é que responde perfectamente á realidade reflectida nas súas páxinas. Malia que, con toda certeza, non como algúns de vós imaxinades.

A historia é a seguinte: Ariadna, unha nena preadolescente, ve como o seu entorno se vai esfarelando. Podemos intuir a crise como motor deste esfarelamento, pero o caso é que os pais vense na obriga de abandonar o entorno no que a nena se criou para marchar a Canadá na procura de fortuna. E mentres eles van por diante, Ariadna, desvinculada de todo o coñecido, fica durante un breve periodo de tempo (vinte días) ao coidado do seu avó, Valente, un home recio e afoutado, aferrado a un pasado que é o seu mundo, o seu entorno vital, nunha aldea da Galicia interior.

Ese é o mundo que Ariadna descubre ao longo do relato, un mundo que está a piques de se perder por mor do avance da sociedade pero que, mentres se desmorona, conta con Valente coma o perfecto defensor. E Ariadna aprende a valorar ese entorno, a falar coa chuvia e coas pedras, a escoitar o vento, a sentir como a herba crece baixo os seus pés e a aferrarse á tranquilidade dunha vida que contrasta coa axitación urbanita.

Dende esta perspectiva, podemos considerar “Todo o tempo do mundo” como unha novela sobre a memoria e as raíces, un relato sobre todo o que vai quedando atrás mentras nós avanzamos cara a un mundo aínda por definir pero que, polo camiño, nos vai enchendo de estress. Ariadna acepta a descuberta e bota os ollos cara atrás para percorrer ese camiño á inversa, cara ás súa propia raigame, e fica totalmente engaiolada polo que atopa. Porque, como di o autor nunha carta dirixida á protagonista que fai de prólogo, “dos bos camiños, coma dos bos libros, nunca regresas”.

Para artellar este relato, David Pérez Iglesias reflicte o que, con toda probabilidade, son as súas propias lembranzas dunha infancia no rural, dono absoluto da liberdade que iso implica. E acude a unha linguaxe sinxela inzada de palabras agochadas entre an engurras do tempo, polo que tamén ten o seu aquel de recuperación desa “fala antiga”. Os que tivemos a sorte de criarnos no entorno que o autor describe con tanto acerto, non nos resulta difícil reencontrarnos con el a través das súas páxinas.

“Todo o tempo do mundo” é, ademais, unha historia sobre os lazos que se van cinguindo arredor dos seus protagonistas. Do distanciamento inicial chégase, ne breve período de tempo de convivencia, a enraizar coa forza do sangue unha relación moi especial entre o avó e a neta que exerce de eixo sobre o que xira todo o texto.

David Pérez Iglesias

Ilustracións de Marcos Viso

Todo o tempo do mundo

Editorial: Xerais

188 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s