ANTÓN RIVEIRO COELLO: “A ferida do vento”

ferida_ventoSe facemos unha lectura superficial de «A ferida do vento» podemos definila coma unha novela sobre o paso da infancia á adolescencia e todo o abraio que iso implica, ambientada nun verán dos anos 70 na vila de Xinzo de Limia. Se profundamos algo máis decatámonos de que é o propio autor, Antón Riveiro Coello, o que protagoniza o relato; incluso ten confesado nalgunha ocasión que a historia parte de acontecementos reais da súa infancia. Mesmo podemos asistir á particular homenaxe que lle rende a Carlos Casares neste ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas, chegando a convertilo nun secundario de luxo, ou xogando co título do seu libro de relatos, «Vento ferido». Pero nesta novela hai moito máis.

«A ferida do vento», pese a estar protagonizada por ese Antón neno, é unha homenaxe á vila da súa infancia, tal e como el mesmo recoñece nunha breve introdución na que explica a xénese da novela (na que Casares tamén ten moito que ver). Mais, ao meu entender, o verdadeiro protagonista do relato, o seu eixo principal e sobre o que xiran todos os acontecementos que lle dan forma, non é nin o autor nin a vila, senón o que podemos considerar un personaxe colectivo: os “tolos” de Xinzo de Limia.

Coello consegue que toda esa colección de “seres memorables”, como a el lle gusta definilos, afectados por un “vento frío” que lles feriu o entendemento, que din na zona, se agrupen coma un único personaxe que abroia ao longo do relato. Malia que a súa aparición non pasa de ser un atractivo máis na historia reflectida en «A ferida do vento», o certo é que a súa presenza é quen de darlle unha cor moi especial que me atrevería a definir entre melancólica e agarimosa.

Estes personaxes flutúan por toda a narración con absoluta naturalidade, entran en escenas que non lles corresponden, protagonizan as súas propias, adquiren dimensións case épicas nalgúns intres, líricas noutros, divertidas as máis das veces e, co seu anárquico comportamento, condicionan os aconteceres da vila e do relato. Homes e mulleres que semellan moverse nunha dimensión paralela, con conexións esporádicas coa nosa que aproveitan para deixar a súa pegada. Actores principais de anécdotas e sucedidos que oscilan entre o disparate e a tenrura.

O fío condutor da narración ten que ver coa relación do Antón-neno protagonista con dúas rapazas da súa idade e a descuberta da sensación eufórica do amor. Pero todo iso pasa a un segundo plano fronte á perfección no deseño dese personaxe colectivo integrado por todos estes “seres memorables”.

Como é habitual en Coello, emprega para iso un estilo directo e diáfano que fai a lectura moi fluída, e unha linguaxe coidada con moito mimo e, como non, enchida de ironía. O resultado é unha desas lecturas que fan cóxegas no máis fondo de nós, que nos acariñan a alma e nos fan lembrar que, o que máis e o que menos, todos fomos feridos por ese vento frío nalgún intre.

Antón Riveiro Coello

A ferida do vento

Editorial: Galaxia

144 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s