DANIEL ASOREY: “Nordeste”

nordeste“Nordeste” é unha novela que fala sobre a opresión; sobre como un pobo oprimido pode, ao escapar do xugo, exercer o mesmo castigo. E que fala tamén dun mundo no que as mulleres son sometidas polos homes e de como algunhas loitan contra esa eiva. E que fala tamén de amor, e de colonialismo, e de escravitude, e de terras esquecidas, e de violencia, e de explotación… E para envolver todos estes temas, Daniel Asorey constrúe unha historia tricéfala que nace dunha fotografía, e que está protagonizada por tres mulleres.

A primeira é María Bonita, cangaceira do Nordeste brasileiro, escenario principal da acción. Para os que, coma min, necesiten documentarse, os cangaceiros situábanse a medio camiño entre bandoleiros e revolucionarios, pois loitaban e saqueaban cun pouso de arela de xustiza social. Quizais mal interpretada, pois remataron por actuar dun xeito similar ao da sociedade contra a que loitaban. Pois ben: María Bonita foi compañeira do máis coñecido dos cangaceiros, “Lampião”, no primeiro terzo do século XX. Falamos, xa que logo, dun personaxe real e documentado sobre o que Asorey fai unha reconstrución que poderiamos considerar histórica.

A segunda, que interactúa coa primeira en tempo e espazo, é Matilda, unha fotoxornalista que procura un sitio nun mundo dominado polos homes e que atopa a súa oportunidade cando se adentra no “sertão”, a zona de actividade deste grupo de cangaceiros, para documentar a súa vida. Alí coñece a María Bonita e máis ao “Lampião”. Neste caso misturamos a realidade documentada cunha historia de ficción.

A terceira é Carme de Candingas, vedora encargada de percorrer a provincia brasileira do Nordeste para verificar o estado das colonias, por encargo dunha hipotética república galega xurdida da vitoria dos Irmandiños nas súas revoltas, con posesións en ultramar. Unha ucronía na que Asorey desprega toda a súa capacidade de fabulación, que é moita, e na que o goberno xurdido acaba por cometer os mesmos pecados de ansias imperialistas que os seus veciños. Aquí xa falamos, entón, de ficción pura e dura.

¿Como combinar todos estes elementos, entre a realidade e a fabulación, para darlle unidade ao relato? Difícil tarea da que Asorey sae moi ben parado, argallando para iso a estrutura tricéfala da que falamos antes, situada en dous planos temporais, e dotando ao conxunto dunha credibilidade afastada de calquera atisbo de mitificación. Non é en balde que esta ñovela veña avalada, con todo merecemento, polo Premio Repsol.

A súa lectura dá xogo para tirar moitas conclusións e para reflexionar sobre cousas ben diversas, pero iso non pode agochar que, ao meu entender, o gran acerto da novela non é nin a recreación do mundo dos cangaceiros, nin a ucronía, nin a súa perfeta e milimetrada estrutura, nin tantos outros elementos destacables, senón esa linguaxe tan coidade e tan precisa coa que Asorey é quen de darlle vida á historia. Un xeito de contar que transmite sensibilidade e que, mediante o emprego de recursos estilísticos moi diversos, nos conduce por camiños tan dispares coma os temas tratados. En poucas palabras: un texto para saborear con degoiro e para sentir ben dentro.

Daniel Asorey
Nordeste
Editorial: Galaxia
156 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s