HÉCTOR CAJARAVILLE: “A caixiña dos rancores”

caixinhaA publicación de “A caixiña dos rancores” volve a colocar a Héctor Cajaraville en primeira liña da literatura galega. Dende que en 2015 acadou o Premio Xerais por “De remate”, cada nova publicación (a xa van tres o ano pasado máis unha en camiño), vén avalada por un galardón. Neste caso polo Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil. Unha fecundidade recoñecida que esperemos que dure.

Neste caso falamos dunha novela dirixida ao público xuvenil, protagonizada por Estevo, un rapaz a piques da maioría de idade, pola súa moza, Paula, e por Chiruca, unha velliña á que Estevo atropelou accidentalmente coa súa moto. A xuíza de menores obriga a Estevo a pasar todo o verán atendendo á súa vítima, facerlle compaña e colaborar no que ela lle ordee. A partir desa decisión establecerase un importante vínculo afectivo entre os dous no que non tardará en tomar parte Paula.

Chiruca opta por aproveitar a entrada de Estevo na súa vida para falar dun monllo de cousas. E nesas conversas, o rapaz non tarda en descubrir un corazón que latexa con forza a pesar dos tropezos cos que o destino foi empedrando o seu camiño. Certos detalles da súa vida fan que Estevo e a súa moza inicien unha investigación pola súa conta, sen que Chiruca saiba nada, na que rematarán por poñer un pouco de orde na vida da anciá.

A novela propón unha lectura moi áxil, con emprego de recursos moi variados para o seu desenvolvemento, entre os que destacan as conversas entre os rapaces vía whatsapp. Pero este tipo de detalles externos non deber facernos perder de vista un dos elementos máis salientables do relato: a relación interxeracional que se establece entre esta especie de “nova avoa” e mailos rapaces, baseada no respecto e no agarimo. Esta fluidez leva aos mozos a descubrir un mundo que lles é alleo e do que non tardarán en amosarse asombrados.

tampouco resulta complicado atopar a inspiración da novela en certos sucesos que saltaron aos medios de comunicación non fai moito tempo: o roubo de bebés en certos centros médicos nas postrimerías do franquismo. Mesmo certas sentencias xudiciais atípicas que de cando en vez se deixan caer nos informativos. Velaí os detonantes da historia. Quero dicir con isto que estamos perante un relato de plena actualidade e fillo do seu tempo. Pero aínda podemos atopar moito máis nunha lectura a fondo, como a reflexión que agocha sobre a soidade dos anciáns e a súa dependencia, os abusos exercidos polos poderosos sobre os humildes, ou un sentimento tan desgarrador como é o arrepentimento (algo forzado neste caso, malia que sexa quen de encauzar a historia).

Mais entre todos estes elementos, o máis destacado resulta ser, ao meu entender, a construción dunha personaxe tan peculiar coma Chiruca, unha muller que está de volta da vida, unha vida dura na que ela resulta ser unha vítima e que, a pesar de todo, non é quen de gardar ningún tipo de rancor na súa caixiña dos sentimentos. E todo iso despregando unha retranca que debuxa unha personalidade peculiar e que incide positivamente na axilidade da lectura.

Héctor Cajaraville
A Caixiña dos rancores (Vidas cruzadas)
Editorial: Xerais
328 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s