MARCOS LÓPEZ CONCEPCIÓN: “Pituxa, a fantástica nena da caca de ouro (escrita por un bolígrafo)”

PituxaPituxa é unha nena máis, que vive feliz cos seus pais e devora chocolate. Pero un día as cousas empezan a se torcer por mor da crise e a familia remata por padecer un desafiuzamentos que dá con eles na rúa. Sería unha historia máis de tantas que a cotío poboan os xornais de non ser porque, de súpeto, a nena comeza a realizar unhas deposicións moi particulares: a súa caca é de ouro. E a partir de aí convértese en foco de interese de prestamistas e banqueiros sen escrúpulos, que adoecen por facerse coa nena.

Este é o punto de partida de Marcos López Concepción para presentarnos un relato dirixido a lectores a partir dos 12 anos. Con tal premisa, a diversión ten que estar asegurada. E abofé que o está: a disparatada historia de Pituxa está enchida de situacións que provocarán sorrisos, cando non gargalladas, nos lectores.

Pero a pesar de que a novela está ideada para un público infantil, o certo é que existen unha morea de detalles que pasarán desapercibidos para os nenos, pero non para os pais. O feito de estar ambientada nunha realidade dura, como son os efectos da crise, o paro, os desafiuzamentos e a ambición desmesurada de determinados personaxes, permítelle ao autor explanarse sobre a actualidade e ao neno achegarse sen trauma a unha sociedade real, revestida con roupas de cores. Velaí están o alcalde sometido, o banqueiro-cacique, o prestamista desnortado e toda unha caterva de personaxes que lle permiten ao autor debuxar entre liñas cuestións dirixidas aos adultos, non aos nenos.

Semella un difícil equilibrio que Marcos López Concepción mantén con asombrosa naturalidade: dous mundos dispares, o fantástico dos nenos e o realista dos adultos, manténdose entre si. Desta maneira, o autor outórgalle ao relato un pouso de autenticidade que en todo momento se verá arroupado pola desbordante fantasía despregada ao longo das súas páxinas. Ben poderiamos dicir, xa que logo, que é unha boa historia para que os pais lles lean aos fillos.

A novela desenvólvese de xeito lineal e resulta moi doada de seguir, aínda que os nenos a lean sós. Ateigada de personaxes certamente memorables (como a inconmensurable dona Isaura), cunha trama divertidamente disparatada, e unha linguaxe directa e retranqueira, «Pituxa, a fantástica nena da caca de ouro» resulta un agasallo para todas as idades.

As aventuras de Pituxa son un alarde de imaxinación desbordante por parte do autor, que despois de case 300 páxinas aínda considera que non abonda e decide incluir, a xeito de epílogo, un pequeno conto que explica a paréntese no título da novela: un bolígrafo moi particular resulta ser o verdadeiro autor do relato, no que Marcos López Concepción se nos presenta como un mero transmisor. E ata aquí podo contar.

 

Marcos López Concepción

Pituxa, a fantástica nena da caca de ouro (escrita por un bolígrafo)

Ilustracións de Lidia Nokonoko

Editorial Galaxia

297 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s