O renacer (en feminino) do relato breve

É certo que nunca se foi de todo, pero considero probado que o conto, que tantas alegrías deu á literatura galega ao longo da nosa historia, está a vivir na actualidade un momento de esplendor, un rexurdimento despois dun tempo no que pasou a segundo plano fronte a textos máis longos. Son varios os libros aparecidos recentemente que conseguiron facerlle sombra á novela, o xénero dominante nos últimos anos. E como proba deste despunte subimos ao noso particular andel tres exemplos de recente publicación que demostran que, lonxe de fenecer, o relato breve arremete con novos bríos. O feito de que os tres estean asinados por mulleres quizais non sexa tan casual como poida parecer…

 

MARÍA CANOSA: “Cando cae a luz”

3C-1Este libro da prolífica María Canosa é o que máis nos aproxima ao relato tradicional galego, ao conto de lareira en noites de invernía, a esas reunións familiares ou de amizade nas que o misterio, a maxia e o medo sentaban no escano canda a nós para participar da xuntanza, ao abrigo do lume e, quizais, dun chanqueiro de viño quente co que asentar o estómago.

A devoción por Ánxel Fole ou Rafael Dieste resulta bastante evidente ao longo desta compilación, que reúne un total de trece contos de terror. Pero non se trata dun libro imitativo destes autores, senón dunha actualización dos seus rexistros.

Todos os contos teñen como fondo esa ambientación escura e misteriosa tan decimonónica, que axudan a cimentar o desacougo do lector, malia que os relatos están situados na actualidade e falan de personaxes de hoxe en día. Pero non faltan á cita nin o desasosego dos protagonistas, nin os finais inesperados, nin as recreacións modernas dos elementos tradicionais dos relatos de terror, evidentemente influenciados pola forza expresiva do cinema de xénero.

A lectura deste libro cumpre á perfección a súa misión de provocar unha certa inquietude no lector con relatos que pasean entre a intriga e o medo. Están presentados dunha maneira moi dixeribles pola súa brevidade e resultan moi acaídos para actualizar un xénero tan noso e tan esquecido.

María Canosa

Cando cae a luz

Urco Editora

124 páxinas

 

IRIA COLLAZO: “A soidade das medusas”

3C-2“A soidade das medusas” é o segundo traballo de Iria Collazo, que logo dunha exitosa novela decidiu decantarse polo relato. E presenta nesta ocasión seis textos que teñen, sobre todo, tres elementos en común. O primeiro ten que ver cun estilo depurado e unha linguaxe traballada e, por momentos, preciosista. O segundo é unha ambientación que pode chegar a resultar abafante, dadas as vicisitudes que viven os protagonistas, necesitados de mirar máis dentro de si que fóra. O terceiro é a sutil cadea pola que todos os relatos están xunguidos, malia que isto quizais requira dunha explicación máis ampla.

Se os relatos aparentan ser independentes e falar cada un deles de cuestións distintas ao anterior, hai pequenos elementos comúns que os manteñen unidos entre si: unha personaxe que se repite, unha mesma escena vista dende perspectivas diferentes, un espazo físico común…

Deste xeito, a autora impídenos escapar dese escenario argallado para nós e no que se desenvolven as historias, regresando a el unha e outra vez. Unha, insisto, sutil maneira de manternos apegados ao relato, propia de narradores que dominan os recursos narrativos coa seguridade dun veterano. E isto aconsella seguirlle a pista moi de cerca a Iria Collazo.

A escritora demostrar de novo a súa capacidade e intensidade narrativas nun texto ambicioso no que a realidade, presente en todo momento, se ve asoballada por un pouso de fantasía que xoga ao simbolismo. O resultado é unha lectura que se converte nunha experiencia que todo amante das letras debería vivir.

Iria Collazo

A soidade das medusas

Ilustracións de Luz Beloso

Editorial Galaxia

82 páxinas

 

ANA CABALEIRO: “Sapos e sereas”

3C-3Ana Cabaleiro estréase como escritora cun libro de relatos que ten como principal defecto a súa brevidade. Porque unha vez rematada a lectura, un queda con ganas de máis. É moi popular esa frase que di que os mellores perfumes van en frascos pequeniños: pois se facemos unha comparanza, este sería o caso.

“Sapos e sereas” reúne unicamente cinco contos (o último, moi breve e a xeito de epílogo) que destacan por un enfoque orixinal e sorprendente e unha maneira de contar delicada, retranqueira nalgúns intres, pero sempre singular. Intercálanse historias que poderían pasar por realistas con outras de corte moito máis fantástico, nas que Ana Cabaleiro enfronta as súas personaxes a situacións nas que se ven superadas, mesmo vapuleadas por un entorno que se debuxa hostil. O epílogo déixao ben claro.

A autora xoga nestes relatos a cuestionar a realidade que percibimos ao darlles a volta aos personaxes e ás situacións nas que se ven involucrados, porque non sempre as cousas son como parecen. Ana Cabaleiro debulla para nós un mundo trabucado onde o previsible desaparece e o imprevisible adquire carta de cotidianeidade, un mundo no que non tardamos en nos decatar do meramente convencionais que resultan determinados estereotipos, escesivamente espallados.

E así descubrimos, como moi ben di a contracapa do libro, que hai sapos que non merecen saír da fochanca e sereas atrapadas en destinos tráxicos. Pois non todas as cousas son tal e como nolas contaron…

Ana Cabaleiro

Sapos e sereas

Editorial Galaxia

96 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s