EMMA PEDREIRA: “Bibliópatas e fobólogos”

bibliopatas_pResulta complicado definir a nova entrega de Emma Pedreira, xa que o que nos presenta, sendo un libro de narrativa, escapa ás delimitacións habituais do xénero. “Bibliópatas e fobólogos” podería pasar por un libro de relatos, malia que por momentos semella que esteamos diante dun caderno de apuntamentos para un proxecto máis grande, ou dun traballo de corte experimental un tanto indefinido.

É só unha apreciación temporal, xa que non tardamos en decatarnos de que esta colección de relatos breves, microrelatos, aforismos, pensamentos, descricións, enumeracións, fragmentos líricos e outras argalladas da autora, no fondo, responden a unha idea ben definida. Por tras destes fragmentos aparentemente inconexos latexa a idea da creación literaria, o pulso da palabra como elemento esencial e o da propia escrita como forza motriz do texto.

Pero a autora non trata de presentar unha tese sobre estas cuestións, senón de facernos reflexionar aos lectores sobre cal é a nosa relación co mundo do libro e da escrita, descubrirlle a aqueles que non están en contacto co proceso completo da creación literaria ou que o ven como algo distante, que é bastante máis cotián do que parece. Trátase, xa que logo, de facer que nos enfrontemos á palabra como forma de expresión, de rachar os tópicos e desmitificar, ou cando menos desenferruxar, o oficio da escrita ata facelo achegado e ao alcance de todos.

Para adentrarnos por ese camiño, Emma Pedreira escribe arredor de 60 textos que, malia a súa extensión dispar, podemos considerar como breves. Textos de lectura áxil e grata, por veces enchidos de ironía e de retranca, por veces meramente contemplativos, mesmo líricos, ou por veces enchoupados de travesura cun aquel de perversión. E todo iso para sacudir o noso pensamento, para axitalo coma un cóctel antes de beber a idea proposta.

Cunha lucidez fóra de dúbida e fuxindo de calquera tipo de límites impostos para a expresión, a autora desprega diante nosa toda unha galería de recursos narrativos e unha imaxinación tan desbordante que non deixa de nos sorprender páxina tras páxina. Adentrarse no mundo proposto por Emma Pedreira en “Bibliópatas e fobólogos”, vén sendo como aquilo que dicía Forrest Gump sobre a caixa de bombóns: “Nunca sabes o que che vai tocar”.

Emma Pedreira

Bibliópatas e fobólogos

Galaxia

148 páxinas

Advertisements

Un comentario en “EMMA PEDREIRA: “Bibliópatas e fobólogos”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s