Un monllo de historias extraordinarias

As vinculación entre a literatura e o xornalismo sempre foron bastante evidentes. O que hoxe traemos a este andel está máis cerca do segundo que da primeira, pero coido que ten interese de abondo como para prestarlle un mínimo de atención. Dous libros que nos falan de personaxes curiosos, cada un dende un enfoque distinto. Pequenas historias merecentes, en moitos casos, de formar parte dunha gran novela.

 

MARTIÑO SUÁREZ: “Bestiario do vestiario”

bestiario_pComezamos polo traballo publicado por Martiño Suárez por ser o máis antigo, pois leva na rúa dende o outono pasado. “Bestiario do vestiario” é unha escolma de artigos tirados da sección do mesmo nome que o xornalista mantivo no xornal dixital Dioivo, tristemente desaparecido. Aquela sección estaba adicada ao deporte, de maneira que son medio centenar de textos breves que nos falan de ciclismo, fútbol e outras disciplinas.

O máis curioso deste libro é que non se trata dos típicos comentarios sobre o partido ou a carreira de turno, senón dunha escolma de historias peculiares xeradas arredor do deporte e descoñecidas para moitos de nós. Así, tanto podemos asistir ás peripecias de un grupo de ciclistas que espiaban para os nazis, como ás bebedelas de grandes mitos, ou a como algúns perdedores exemplares deixaron a súa pegada na historia do deporte.

Martiño Suárez céntrase principalmente naqueles tempos nos que o deporte non estaba tan mercantilizado coma na actualidade, candos os deportistas eran verdaderos heroes loitando contra calquera tipo de atranco, enfrontándose a todo e, as máis das veces, perdendo sen remedio. Esta cualidade de “perdedores” (non sempre nas canchas) é un dos elementos comúns a boa parte dos textos, o que lles dá unha dimensión máis humanizada que o típico relato haxiográfico. Estamos, xa que logo, diante dunha escolma de historias case novelescas, de non ser que están tiradas da realidade reflectida nas hemerotecas.

Á marxe das nosas afeccións, de que nos guste ou non o deporte, o certo é que este monllo de relatos están perfectamente artellados por alguén que, iso nótase ben, domina a escrita á perfección e é quen de transmitir o contido con amenidade e soltura. Lectura áxil e finais, por veces, bastante sorprendentes para a maioría dos lectores, son sinais identificativos dun libro máis ca recomendable.

Martiño Suárez

Bestiario do vestiario

Edita: Carlos Meixide

160 páxinas

 

SALVADOR RODRÍGUEZ: “Historias de galegos extraordinarios”

historias_pO segundo dos libros referidos é “Historias de galegos extraordinarios”, de Salvador Rodríguez. Nesta ocasión non estamos diante dunha escolma de textos publicados, senón perante un traballo de investigación centrado nunha serie de persoeiros galegos que, por unha razón ou por outra, son merecedores do calificativo que aparece no título. En calquera lugar do mundo, por suposto.

Atopamos no interior unha vintena de textos breves que nos presentan biografías realmente senlleiras, que teñen en común que os seus protagonistas naceron a este lado do Padornelo. Algúns deles gozan de certa popularidade, mesmo xa foron convertidos en personaxes novelescos por autores da talla de Suso de Toro, Xavier Alcalá ou Henrique Dacosta. Outros, pola contra, de seguro que son perfectos descoñecidos para a maioría dos lectores. Preséntasenos aquí, polo tanto, unha boa oportunidade de achegármonos a unha serie de galegos que, por mor do seu inxenio, habilidade, teimosía, mesmo infamia (que de todo hai), merecen ser lembrados e non sempre imitados.

O libro vén precedido por un prólogo do tamén xornalista Ánxel Vence, que enceta coa seguinte afirmación: “Os galegos son xente extraordinaria por defecto. Veñen así de serie”. Tal premisa non fai máis ca xustificar a existencia deste e outros libros que se poidan facer seguindo esta mesma liña, pois estou convencido de que calquera de nós podería engadir, só con mirar ao noso arredor, algúns nomes máis á selección feita por Salvador Rodríguez.

Cunha linguaxe directa e concisa, a propia do xornalismo, o autor presenta a todos estes galegos e galegas con naturalidade e amenidade. Malia que algúns dos personaxes propostos son certamente senlleiros, a maneira que o autor ten de presentárnolos convérteos en persoas achegadas, en amigos cos que tomar un café. E iso fai da lectura destas biografías algo tan próximo que engancha.

Salvador Rodríguez

Historias de galegos extraordinarios

Editorial Belagua

128 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s