MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ: «Blues para Moraima»

BluesMiguel Anxo Fernández presenta un novo traballo, «Blues para Moraima», que chega avalado polo Premio Blanco Amor. Acostumados como estamos ás andanzas do seu personaxe máis carismático e popular, o detective Frank Soutelo, non nos estraña que o ambiente de cine negro tan querido polo autor se reflicta tamén neste relato, nin que a tensión narrativa nos leve en voandas polas páxinas da novela xa dende o seu comezo: «O cadáver que dispuñan para entrar no crematorio era o meu. Leron ben, o cadáver de quen escribe.» ¿É ou non é un principio turbador e intrigante?

«Blues para Moraima» narra a historia dun intelectual exiliado, que tivo que fuxir para salvar a vida durante a Guerra Civil e que, xa na vellez, retorna temporalmente ao país. A escusa é a gravación dun documental-homenaxe instigado por un xornalista que descoñece o seu pasado e, polo tanto, non sospeita a terrible verdade que agocha o exilio nin as consecuencias que a gravación vai ter para todos os implicados. Este retorno será quen de facer aflorar as mesmas tensións que provocaran a súa marcha varias décadas atrás, co engadido de que os seus acosadores atópanse agora en postos de moi alta responsabilidade social e política. E con este retorno volven tamén as lembranzas dos amores perdidos, das amizades de vello e unha cicatriz nunca pechada que segue a supurar tantos anos despois.

O intelectual é Afonso, un cineasta de recoñecido prestixio internacional pero teimudamente ignorado na súa terra. O xornalista, do que descoñecemos o nome, é o responsable de relatarnos a historia en primeira persoa, malia que de cando en vez contará coa axuda do propio Afonso, a través de capítulos inseridos ao longo do relato nos que o cineasta toma a palabra para explicarnos o acontecido en escenas nas que o xornalista non estaba presente. Mesmo aparece moi ocasionalmente un narrador omnisciente para completar detalles que ambos descoñecen.

Malia que o relato vén sendo máis ou menos liñal, son abundantes os usos de prolepses e analepses para avanazarnos o que virá ou para relatar o sucedido con anterioridade, un recurso que Miguel Anxo Fernández emprega para manter a atención do lector e tamén para axudarlle a seguir a historia sen problema pese a eses saltos temporais. É coma se nos dese un titular do acontecido ou do por acontecer, antes de entrar nos detalles.

Para darlle forma a todo isto, o autor xoga con elementos de distinta procedencia relacionados coa Memoria Histórica, co thriller policíaco, mesmo co cinema político. E logo de meter todas esas cousas na súa cocteleira, consegue unha narración áxil e ambiciosa na que a intriga e a resolución do conflicto prantexado arrastran ao lector a través das súas páxinas.

Protagonistas ben definidos e secundarios poderosos adobían as páxinas dunha novela impregnada pola ausencia do seu personaxe principal, Moraima, figura totémica que, ao estilo da «Rebeca» de Daphne Du Maurier, adquire un papel especialmente relevante pola súa incomparecencia.

Miguel Anxo Fernández

Blues para Moraima

Editorial Galaxia

260 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s