JORGE EMILIO BÓVEDA: «O monstro de Ille»

illeA aldea de Ille é o lugar onde tres irmás andaluzas quedan atrapadas durante unha viaxe dende Sevilla á Coruña, logo do pasamento do seu pai, aló polos albures do século XIX. A presunta derradeira vontade do proxenitor sérvelle de pretexto a dous sacerdotes de moral escasa e avaricia desmesurada, para mantelas illadas do resto do mundo e aproveitar así as axudas económicas que o seu tío lles envía dende Andalucía. A hospedaxe das mulleres nun vello pazo decadente e abandonado non fai máis ca acrecentar os temores das tres irmás, que a miúdo se vén asaltadas por forzas sobrenaturais, o monstro que habita o pazo.

Tal é a premisa coa que Jorge Emilio Bóveda, amante das historias escuras e preñadas de misterio, nos propón adentrarnos no relato. Ao longo das súas páxinas asistiremos aos poucos ao derrubamento psicolóxico e moral das tres rapazas, vítimas da ignorancia dun pobo asolagado pola superstición e o fanatismo relixioso. Lonxe de calquera asideiro ao que se poder aferrar para saír daquel furado e refacer as súas vidas, as mulleres agardan unha axuda que non dá chegado mentres padecen o acoso dalgún ser do ultramundo. E todo nun tempo no que esa superstición e máis ese fanatismo do que falabamos, alimentan as crenzas en meigas, en feitizos, en demos e espíritos, e no que unha desnortada Inquisición favorece ao tempo que persegue tales crenzas. As rapazas, como non podía ser doutro xeito, son masacradas por unha ignorancia sumisa e tan aterradora coma o propio monstro.

Ese monstro que dá título á novela en ningún momento aparece definido. De feito, as referencias a el son pequenos parágrafos escritos por unha das irmás, cos que se abre cada un dos capítulos nos que está dividida a novela. Esta indefinición pode levarnos a xogar coa idea do simbolismo de tal personaxe, a pensar que, malia o que a rapaza nos conta, tal monstro en realidade non exista e non sexa máis ca unha representación literaria dun entorno hostil. Descoñecedoras dos usos e costumes dunha aldea galega como a que aquí se nos presenta, da endogamia reinante, da prepotencia e absoluto control dos estamentos relixiosos, as mulleres vense atacadas por unha sociedade que elas conciben como monstruosa.

Dende tal perspectiva, «O monstro de Ille» poderíase considerar unha novela introspectiva e escura no fondo e no tratamento, no que o factor psicolóxico ten un protagonismo especial para definir as personaxes e maila trama, e na que se nos desvela o afundimento por acoso das protagonistas. Dende un enfoque máis tradicional, no que lle deamos corpo e veracidade a ese monstro que alimenta a historia coa súa presenza intuída, falariamos dun relato ao estilo dos contos de terror do XIX, nos que o medo tamén penetra na psique dos protagonismas ata facelos tolear. En calquera caso, unha desas historias de medo que fará que o noso sangue arrefríe nas veas coa súa lectura.

Jorge Emilio Bóveda

O monstro de Ille

Editorial Galaxia

148 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s