ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO e XULIO GARCÍA RIVAS: «Poesía cromática»

cromaO que temos entre as mans é unha desas pequenas alfaias que de cando en vez chegan a nós para tinxir de cores a nosa existencia, un galano que aproveita a sensualidade da lírica e da pintura para meterse dentro de nós e revirar o noso sentir. A poesía e a acuarela collidas da man para camiñaren xuntas, sen máis atrancos nin limitacións creativas que as que elas mismas queiran impoñerse.

«Pintura cromática» é o resultado dun exercicio experimental de libre creación no que se viron involucrados, por unha banda, o poeta Antonio García Teijeiro, e pola outra o pintor Xulio García Rivas. E aínda poderiamos engadir unha terceira pata a este particular banco: unha editorial empeñada en manter o máximo respecto polo traballo creativo dos dous artistas anteditos e achegalo ao público.

Convén explicarse para entendelo: o pintor e o poeta decidiron traballar xuntos neste proxecto que consistiu en encerrarse a un tempo en dous andares dun mesmo edificio para crear sen condicionamentos de ningún tipo, e despois intercambiar o froito dese proceso para complementalo co traballo do outro. De maneira que estamos diante de versos creados por iniciativa do poeta, pero tamén por suxerencia dos cadros do pintor, e viceversa: láminas realizadas de maneira totalmente libre ou insinuadas pola forza da palabra.

Non falamos, xa que logo, de que unha das disciplinas domine a outra, senón de que ambas interactúan dando lugar a esta «Poesía cromática» que nos ocupa. Un xogo no que a liberdade creativa nace dun interese por interactuar, por compartir sensibilidades e visións do mundo, por erguer pontes entre a o lirismo e o cromatismo, por irmandarse a través dunha delicadeza vigorosa e colorista.

Poderiamos dicir que hai unha terceira disciplina que interfire entre estas dúas, pero coido que o seu papel ten máis que ver coa creación dun ambiente axeitado para a inspiración que co traballo en si: a música. Aínda así, introdúcese no proceso creativo e son varias as referencias ás partituras de Beethoven, a Bob Dylan, Leonard Cohen ou Luis Eduardo Aute, o que dá idea da súa relevancia na elaboración deste poemario cromático. E para abarcalo todo, un fermoso texto de Eva Veiga a xeito de introdución no que nos fala do papel fundamental da procura da beleza para que este experimento chegase a bo porto.

O resultado son as 40 láminas-poemas que a editorial Belagua recolleu neste volume. E se dixen antes que o fixo co máximo cumprimento polo traballo dos artistas é porque o que nos ofrece é unha reprodución exacta do resultado do exercicio, na que podemos detectar sen grandes problemas a forza da palabra escrita e maila suavidade do pincel, ou viceversa. E para poñerlle o ramo á obra, fixo unha única tirada de 200 exemplares, numerados e asinados polos autores. ¿Alguén dá máis?

Antonio García Teijeiro e Xulio García Rivas

Poesía cromática

Belagua Editorial

98 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s