VANESA SANTIAGO: «A vida sinxela de Marcelo Firmamento»

a_vida_sinxelaNo presente ano, a editorial Galaxia quixo recuperar a memoria da mítica colección Illa Nova, na que se deron a coñecer, xa fai 60 anos, algúns dos autores máis celebrados das últimas décadas. E fixérono a través da convocatoria dun premio de narrativa inspirado no espírito daquela coleción e na descuberta de novos valores para a nosa literatura. Pois ben: o que hoxe colocamos neste particular andel é a obra gañadora de tal certame. Trátase de «A vida sinxela de Marcelo Firmamento», de Vanesa Santiago.

Vanesa xa publicara algúns textos a través de Urco Editora (algún día haberá que falar do papel xogado por esta editorial nos últimos anos), pero esta novela representa o seu paso definitivo á primeira liña. E non sen merecemento, pois estamos diante do espertar dunha pluma de enorme interese, que é quen de sorprender e de xogar sen complexos con distintos elementos narrativos para darlle forma á súa historia.

Ambientada no mundo do mar, «A vida sinxela de Marcelo Firmamento» vén sendo unha especie de biografía novelada dun personaxe que ten moito de peculiar e ben pouco de «sinxelo». Marcelo nace na vila de Sada aló polos anos 40, arrastrado por unha marea que se adentra nas casas. Fillo do salitre, axiña conecta co mundo mariñeiro que o rodea e aprende o oficio do vello Rederrota, que se encarga de amosarlle a maxia do mar coas súas fantásticas historias. Marcelo non tardará en percorrer os sete mares, que dirían os clásicos, instigado pola procura dun pai desaparecido moitos anos atrás.

Para darlle forma ao relato, Vanesa Santiago revisa os postulados do realismo máxico, neste caso diluido na auga salgada e aderezado con esa marabillosa e amplísima mitoloxía que rodea o mundo do mar, mesmo integrando algúns dos clásicos da literatura (as referencias a «Moby Dick» son moi evidentes, pero non únicas), creando e recreando personaxes e situacións que son un alarde de imaxinación. Deuses primixenios mistúranse con prodixiosos seres ideais ou idealizados, mulleres e homes de arrabaldes, mariñeiros resabidos, amores de antoloxía e un sinfín de situacións que son outros tantos portos nos que recalar nesta particular travesía que é «A vida sinxela de Marcelo Firmamento».

A novela xoga, deste xeito, coa realidade e coa fantasía misturando ambos conceptos e enfrontándoos entre si. Non é en van a situación temporal, logo dunha guerra cruenta e nos primeiros anos dunha represión brutal (que tamén ten o seu papel no relato). Esta contraposición entre a triste realidade e a fantasía soñadora conforma, ao meu entender, un dos elementos máis característicos e máis logrados da historia. O outro, e velaí a miña querencia particular pola mitoloxía popular, sería a maneira de inserir personaxes procedentes do relato oral da nosa e de outras latitudes de xeito que encaixen perfectamente no relato.

Se a isto lle engadimos unha maneira de escribir que denota un perfecto coñecemento do mundo que relata, e que mesmo semella arrolarnos para dirixir a nosa viaxe a carón dun personaxe como Marcelo Firmamento, a satisfacción na lectura coido que está garantida.

Vanesa Santiago

A vida sinxela de Marcelo Firmamento

Editorial Galaxia

200 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s