ELI RÍOS: «Luns»

luns_EliRios«Luns» é unha novela impactante e arriscada, unha desas historias que ficarán na memoria do lector moito tempo, unha terapia de choque contra o pesimismo que foi recoñecida o pasado ano co Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega e que agora aparece impresa da man de Xerais. Eli Ríos aposta moi forte para darlle forma a este relato no que interioriza un momento difícil para a protagonista, Nerea, unha muller que parece que ten a súa vida encarreirada.

Se digo que é un libro impactante é porque, dende o principio, sitúa ao lector nunha posición de impacto, pois o primeiro que facemos ao mergullarnos nas súas páxinas é asistir a unha diagnose de cancro de mama á que Nerea, Nere, se ten que enfrontar. Réstanlle non máis de dous meses de vida. E a partir de aí, todo se volve frenético.

¿Que facer cando sabes que en dous meses todo remata? O marido, os dous fillos, o traballo, as amizades, as historias non vividas e unha chea de sensacións conflúen no interior de Nere provocándolle sentimentos contrapostos fronte á realidade dun final escrito e inexorable, dunha sentenza sen delito da que ela, no fondo, é unha vítima. A diagnose acontece o luns, o resto da historia dura só dous días máis. E durante estes tres días acompañamos a Nere, vivindo o que ela vive e sentindo o que ela sente. Unha viaxe introspectiva da que o lector forma parte indisoluble.

Para conseguir ese efecto, Eli Ríos desenvolve a narración dende o interior da protagonista, a base de frases directas, contundentes e sen adobíos; frases moi curtas que semellan nacer directamente do seu pensamento, coma se de certo estivesemos a viaxar entre os lóbulos do seu cerebro. Asistimos así a un totum revolutum de ideas confusas que nos mergullan directamente no sentir de Nere. Por iso digo, tamén, que é unha narración moi arriscada. Porque contar a historia desta maneira paréceme un risco evidente que Eli Ríos estivo disposta a correr e do que saíu airosa. Se xa era un referente no eido da poesía, «Luns», a súa primeira novela para adultos, colócaa como unha das nosas máis audaces e prometedoras narradoras.

Tal xeito de contar a historia pode levarnos a pensar nun relato caótico e confuso no que é doado que o lector se perda. Pero a autora desprega para nós unha habilidade especial para conducirnos por todo ese revoltillo de sensacións que aturullan o sentir de Nere ao ver a morte tan de cerca e máis unha vida, a súa, que no fondo non é tan perfecta como pensaba. Un marido infame, celoso en demasía e que non ten remorsos en usar a violencia contra ela, déixao ben ás claras.

Cuestión aparte merece o final, sobre o que só direi, por aquilo de non facer spoiler, que sorprende. ¡E moito!

Eli Ríos

«Luns»

Editorial Xerais

152 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s