MANUEL LOURENZO: «Suite Artabria»

suite_artabQuizais o emprego da palabra “suite” no título da obra coa que Manuel Lourenzo gañou o Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais 2016, poida resultar confuso. Un dos elementos máis catacterísticos da suite musical é a alternancia entre tempos rápidos e lentos, entre momentos de forte intensidade e outros máis líricos ou contemplativos. Pero na triloxía que compón esta obra non hai concesións: son tres pezas de gran intensidade que indagan nas paixóns máis acubilladas da alma humana, sen concesións contemplativas.

O que Lourenzo nos propón nesta obra é unha viaxe polas vísceras da Coruña máis agochada, un salto a un abismo poboado por perdedores e buscavidas que rozan a marxinalidade pero que son perfectamente identificables polo lector. Enfróntanos desta maneira á faciana menos visible da cidade, á que acostumamos a identificar cunha cor aburguesada e leda, pero que esconde as súas miserias entre edificios ruinosos e fríos. E aí é onde se desenvolve a trama.

«Suite Artabria» está estruturada en tres pezas independentes (pero con numerosos elementos en común) que nos levan por outros tantos barrios coruñeses ben recoñecibles: O Orzán, A Falperra e As Atochas. Neles atopamos unha colección de seres derrotados polo mundo que os rodea, arrombados contra un recanto por unha realidade que os supera día tras día. Os personaxes desenvolven, deste xeito, temperamentos violentos, mesmo neuróticos, como forma de defensa contra ese mundo exterior que lles é alleo. E esa situación lévaos a rozar a delincuencia ou, en todo caso, a escapar dos ideais da ética humana.

Adentrámonos así nunha concepción íntima, case tribal, dos barrios e dos seres que os poboan que, malia que poida parecer contradictorio, representa a marxinalidade do mundo enteiro. Todos os arrabaldes son iguais, poboados polo mesmo tipo de tribos e de personaxes. Logo non hai diferencias importantes entre os desta ou doutra cidade calquera. Velaí a universalidade da tribo. Nesta mesma liña, adobían o relato elementos de plena actualidade, como os desafiuzamentos, a violencia machista, ou a cobiza alimentada pola supervivencia, que é tanto coma dicir a actualidade de calquera tempo. Velaí a atemporalidade do relato.

Para achegarnos a ese contexto, o autor emprega unha linguaxe directa e concisa, espida de florituras. Mesmo fai moi poucas concesións aos acoutamentos escénicos. Limítase a exhibir para nós esa cara máis escura da alma humana a través de personaxes, insisto, perfectamente identificables polo lector/espectador. E iso sempre resulta turbador.

Manuel Lourenzo

«Suite Artabria»

Edicións Xerais / Agadic

128 páxinas

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s