SANTIAGO LOPO: «A arte de trobar»

A-Arte-de-trobarSantiago Lopo gañou este ano o Premio Xerais coa novela «A arte de trobar», un relato de ambientación histórica que se sitúa no século XIII. Estamos, xa que logo, no período de declive da lírica provenzal e de eclosión da lírica galega, cuestión esta que marca o argumento. Pero estamos tamén nun intre confuso e de cambios profundos, tanto culturais coma sociais ou políticos, no que aboian as loitas polo poder e a persecución relixiosa.

Neste ambiente, Lopo sitúa a unha troupe ininerante de artistas que percorre o Camiño de Santiago coa intención de chegar a Galicia, logo de facer parada en Burgos para asistir ao casamento do rei Fernando III. A viaxe comeza en Xaca, onde se une ao grupo Elvira, unha rapaza cátara que trata de fuxir da persecución á que está sendo sometida a súa doctrina por parte da Igrexa e, sobre todo, do nobre Guy de Lille. Lille anda á procura dun grimorio que cre en poder da familia de Elvira, polo que a súa fuxida faille sospeitar que o leve canda a ela e envía un emisario na súa persecución.

Con estes prantexamentos ben poderiamos cualificar esta novela como “de aventuras”, malia que a ambientación tan concreta dálle pé ao autor para xogar con distintas ideas sobre esa loita de poderes da que falabamos máis arriba, a persecución ideolóxica, o papel da Igrexa e outras cuestións relacionadas coa época. Pero, sobre todo, dálle pé para xogar co encontro entre a lírica provenzal e a galega, a columna sobre a que se vertebra o relato, e co papel desenvolvido polas mulleres neste período, as grandes esquecidas dos cancioneiros, como a propia Elvira ou a nosa María Balteira, que tamén aparece nalgúns episodios.

Así, Lopo desenvolve unha historia de intriga que ten como eixo central a persecución de Elvira por parte de Guy de Lille, e na que se entrelazan distintos fíos narrativos nun perfecto trenzado que deixa ao descuberto todas as cuestións descritas e moitas máis que teñen que ver co terreo do emocional, mesmo coa superstición e a maxia como métodos de poder nas súas distintas formas.

Pero unha das cousas que máis sorprende desta novela é a súa luminosidade. Estamos tan afeitos a que os relatos medievais transcorran en escenarios escuros e preñados de misterio, claustros tristes ou castelos en penumbra, que cando se nos presenta unha historia coma esta, aberta ao espazo diáfano da viaxe e na que a luz xoga un papel importante en boa parte dos seus capítulos, non podemos máis ca adentrarnos nela sen contemplacións. E ao adentrármonos descubrimos unha linguaxe clara e directa, sen artificios nin florituras que nos distraian, o que afonda aínda máis nesa idea de luminosidade antedita.

En definitiva, un traballo ben medido e ben argallado, con xiros argumentais inesperados e moi dixerible, que reafirma a Santiago Lopo como un dos nosos valores máis firmes no eido da narrativa.

 

Santiago Lopo

«A arte de trobar»

Xerais

224 páxinas

 

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s