Aproveitamos a inminente visita dos Reis Magos para botarlle unha breve ollada á literatura infantil e xuvenil da man de dous autor@s que son referentes das nosas letras: a prolífica María Canosa, que chega a nós co último Premio Merlín de Literatura Infantil debaixo do brazo, a novela «Muriel», e un home de teatro como é Euloxio R. Ruibal que vén de publicar un libro de contos para nenos: «Formigas, risas, flores e dinosauros». Quizais, suxerencias de última hora das que paga a pena falar.
MARÍA CANOSA: «Muriel»
«Muriel» é o nome do protagonista desta historia, un neno que vén de perder a súa avoa e, dende ese intre, nada volve a ser igual. Muriel bota de menos toda esa maxia que só as avoas saben transmitirlle aos netos e a súa vida tórnase gris e triste. Pero a súa tristura non tardará en quedar atrás. Primeiro coa curiosa presenza dun leiteiro moi particular, que consegue que o neno espila o seu interese polo mundo que o rodea; despois coa compaña dun raposo que se comporta coma se fose a súa mascota.
Muriel emprende así unha aventura na que deixa atrás a súa cidade, gris e cincenta, para adentrarse nun mundo de fantasía colorista que se aglutina arredor dese leiteiro que, en realidade, non é o que parece, e do raposo, que lle serve de guía na súa andaina. Porque nesta historia, todo semella distinto do que figura escrito no papel. Moito máis luminoso e máis ledo.
A novela ten un punto esperanzador coa resolución final da tristeza de Muriel perante a perda da súa avoa, así como unha pinga de descuberta da madurez que o neno acada na súa aventura; e a autora preséntanolo con solvencia a través dun difícil equilibrio entre a realidade e a fantasía para enfrontarse a tan mal paso.
A historia é un canto á imaxinación como agarradeira para sobrepoñerse aos trances máis duros, o que non é pouco. María Canosa emprégaa con sensibilidade e acerto para conducirnos a mundos hipnóticos, e faino cunha fluidez digna de quen leva moitos anos de oficio.
María Canosa
«Muriel»
Xerais
192 páxinas
ELOXIO R. RUIBAL: «Formigas, risas, flores e dinosauros»
Ruibal, un dos homes máis relevantes do noso teatro, ten feito incursións noutros xéneros; dende a poesía á narrativa, tamén para nenos. Pero esta é a primeira vez que nos ofrece unha pequena presa de relatos breves pensados para o público infantil. Falamos de só catro contos nos que, xa que non a cantidade (¡faise curto de máis!), debemos resaltar a calidade da proposta.
E isto non é un xogo de palabras pois, aparentando unha total sinxeleza narrativa, o que fai é adentrarnos en mundos dominados por unha imaxinación sen límites. Así, tanto podemos atopar ao longo das súas páxinas un neno que perde o sorriso como unha flor capaz de predicir o tempo, ou gozar da amizade dun neno e un dinosauro, mesmo acompañar a unha formiga insubmisa que aprende a xestionar a liberdade á súa maneira.
Ruibal exhibe nestes breves relatos unha enorme capacidade fabuladora, e tamén un dominio da narrativa que non é doado de atopar, mesmo en traballos de autores máis afeitos a este campo. Con enorme habilidade, é capaz de interesar a nenos e maiores no desenvolvemento destas historias e levarnos por carreiros imaxinados e recreados con pasmosa naturalidade.
Pero sendo moitas as virtudes que acompañan este monllo de contos, eu destacaría esa linguaxe que, aínda fuxindo da ortodoxia académica, rescata para nós palabras esquecidas por un uso cada vez máis escaso, pero que formaron parte da lingua dos nosos devanceiros. Velaí o verdadeiro tesouro que agocha este libriño.
Eloxio R. Ruibal
«Formigas, risas, flores e dinosauros»
Galaxia
72 páxinas