FRANCISCO X. FERNÁNDEZ NAVAL: «Alma e o mar»

 

Alma-e-o-mar.jpgNon sei se a vós vos pasa, pero eu, cando comezo a ler unha novela, o primeiro que busco e ese fío que me vai conducir ao longo do relato, ese espiñazo sobre o que se articula a historia, a esencia do argumento. Acostuma a aparecer nas primeiras páxinas e, cando iso non sucede, síntome perdido e iso provoca un certo desacougo na lectura que dificulta o seu disfrute. O caso de «Alma e o mar» foi unha excepción.

Son máis de 400 páxinas divididas en 12 capítulos. Falamos, xa que logo, de capítulos longos. Os dous primeiros sitúannos nun contexto moi concreto, nos Estados Unidos, no que a nosa protagonista, Alma, vive unha experiencia traumática; pero sabemos, porque así nolo avanza o autor, que non é o lugar onde se desenvolverá a novela. Non é ata o terceiro que ficamos nunha aldea da Costa da Morte que será o noso escenario principal e, a partir de aí, é cando comezamos a descubrir pouco a pouco cal é ese fío que nos vai guiar ao longo da historia: neste caso a necesidade de Alma de recuperarse das feridas inflixidas na súa estancia americana.

Pero se dixen máis arriba que esta novela é unha excepción no desacougo que me provoca non atopar ese fío ata non levar lidas preto das cen páxinas, hai unha razón: o texto está tan traballado e tan ben escrito que non se bota de menos esa guía, que pouco importa o que o autor nos conte; a simple lectura das súas páxinas xa supón un goce, unha rabuñadura, non sempre superficial, na nosa sensibilidade. Velaí a razón pola que Fernández Naval, de longo oficio nisto da escrita, é un dos nosos clásicos en vida.

Alén do dito, a novela é un canto ao universo feminino, pois boa parte das personaxes principais son mulleres, a miúdo feridas por un entorno máis patriarcal e machista do que parece a simple vista, un entorno de violencia e discriminación xa sexa no eido laboral, familiar ou sexual. Estas mulleres veranse na necesidade de facerse fortes e enfrontarse aos seus propios demos, e farano dun xeito silandeiro, coma heroínas que non queren asumir tal papel e que o único que procuran é un pouco de acubillo, unha palabra de conforto.

Tal é o caso de Alma, protagonista principal da historia, que chega á casa prestada por un coñecido para repoñerse da dura experiencia vivida en Nova York. Nun entorno rural e mariñeiro, con todo o que iso significa de supersticioso e de costumista, Alma atopa no mar o bálsamo sobre o que construir o seu propio esquecemento. Non lle resulta doado, e menos aínda cando os seus propios demos regresan para acabar por convertir a novela nunha especie de thriller que mantén a intriga no lector ata as derradeiras páxinas.

«Alma e o mar» é un deses traballos que deixan no lector unha pegada profunda, un sabor acedo e doce a un tempo no fondo do padal. Unha lectura máis ca recomendable para calquera que se considere asentado no presente. Principalmente homes: aprenderán moito sobre o universo feminino.

 

Francisco X. Fernández Naval

«Alma e o mar»

Galaxia

408 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s