ISMAEL RAMOS: «Lumes»

lumesOs límites entre xéneros sempre foron un terreo difuso no que non se sabe moi ben onde remata un e comeza o outro. Nas últimas décadas, as fronteiras entre prosa e poesía foron perdendo a rixidez de outrora para ofrecer ao autor unha maior liberdade de movementos sen os corsés da métrica, a rima ou o ritmo. O libro que hoxe nos ocupa é unha boa mostra desta afirmación, pois Ismael Ramos regresa cun traballo no que racha coa concepción clásica da poesía e xoga a revestila de prosa. O que nos presenta é un xogo de xéneros onde nen sequera se detén en darlle a forma tradicional do verso e destila o seu pensamento a través de frases longas que son pequenos parágrafos. Unha maneira máis de procurar unha estrutura propia a estes lumes que incendian o noso sentir.

«Lumes» é un libro intimista e de vocación familiar, ateigado de personaxes do entorno máis inmediato do eu poético, que vén sendo o propio autor. Estes personaxes aparecen e desaparecen ao longo do texto e van conformando unha unidade de acción e de pensamento; deste xeito, créase un relato continuado sobre os vencellos familiares e as relacións de sangue que se expande por todo o poemario. Un elemento máis para reforzar a idea do relato/poema pois, ao longo das súas 72 páxinas, vai argallando unha narración sobre os arrabaldes da memoria familiar dese eu poético. Non, non estamos a falar de prosa poética, iso é outra cousa: falamos, como xa se dixo, de xogar coa literatura, cos xéneros e as etiquetas, cos límites dos conceptos tradicionais.

Ismael Ramos preséntanos un entorno familiar alonxado da idealización do mesmo. Por momentos, incluso, chega a amosar unhas relacións nas que o amor e o receo, de límites tamén difusos, danse a man de xeito continuado. Á marxe da mistura que poida haber entre realidade e ficción (supoñemos que un xogo máis do autor), o núcleo próximo, o vínculo de sangue e as relacións entre os seus membros, afástase da imaxe idílica socialmente transmitida da fraternidade filial. Os vencellos familiares son postos en cuestión e a dureza achégase aos versos sen remorsos, deixando pegadas en forma de cicatrices. Fala dun entorno íntimo que ten, por momentos, certo aire abafante, o que quizais xustifique esa afirmación que tira nun dos primeiros poemas: “Escribir convértese nun acto de resistencia contra todo”.

Dende esta perspectiva, o texto ben pode ser interpretado como a procura dunha perfección case mística, dunha vida idealizada dentro dese entorno familiar, así como a constatación da imposibilidade de acadar tal meta. O lume sería o recurso natural para a purificación necesaria. Ou, quizais, a luz que nos guíe no noso camiño. É nese contexto no que entendo que hai que interpretar a visión da escrita como “acto de resistencia”.

Cuestionando as concepcións dominantes da familia é como Ismael Ramos debuxa coa palabra unha serie de sentimentos que se van espallando ao longo do poemario. Lume destrutivo, pero tamén purificador; lume que presta calor e acougo; lume que incendia a nosa sensibilidade, que nos ergue polo aire nunha viaxe introspectiva… Lumes, en fin, que fan deste poemario un referente indiscutible da lírica actual.

 

Ismael Ramos

«Lumes»

Apiario

72 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s