ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL: «Bonus track»

Bonus-trackUnha vez máis, temos diante nosa unha poeta que se interna no mundo da narrativa e abofé que o fai con soltura e decisión. Xa con anterioridade Rosalía Fernández Rial tiña colaborado nalgúns libros colectivos de relatos, pero esta é a súa primeira aventura en solitario e cun proxecto propio e de certo calado; e para a viaxe elixiu o relato breve como medio de transporte.

«Bonucks track» é unha colección de contos na que a autora amosa unha gran habilidade para o emprego de recursos narrativos atípicos (amais dos tradicionais). Dende ese punto de vista poderiamos consideralo como un libro experimental, como unha proposta que se afasta dos cánones máis habituais para internarse por camiños esvaradíos polos que só unha persoa con dominio das técnicas narrativas é capaz de transitar con éxito. E a pesar da súa traxectoria anterior, máis preto da poesía que da narración pura e dura, Rosalía Fernández Rial consegue un resultado meritorio. Unha aposta arriscada resolta con mestría.

O título da colección vén xustificado polo emprego da música como elemento aglutinador da práctica totalidade de relatos; mesmo como fío condutor de moitos deles. Diferentes estilos que van dende o punk ou a música underground ata o folk galego ou os cantautores americanos, por citar só algúns exemplos, póñenlle a banda sonora a un amplo abano de situacións e de ambientacións que, a miúdo, veñen suxeridas polas cancións de referencia.

Non esperedes unha listaxe dos 40 principais nin nada que se lle asemelle, porque os relatos e os seus sons transitan por terreos fóra da comercialidade e dos tópicos para internárense nun terreo moito máis íntimo que ben poderiamos definir coa palabra “esperanza”: as cousas non sempre suceden como queremos, pero paga a pena chegar ata o final e pararse a escoitar ese bonus track que o disco agocha e que nos pode axudar a saír do foxo no que nos atopamos.

Vindo como vén esta proposta narrativa da man dunha poeta, convén deterse por un intre na linguaxe empregada. A poesía contemporánea leva moito tempo distanciándose do lirismo máis tradicional e procurando unha nova forma de expresión máis apegada á realidade cotiá. Dende esa perspectiva, non é difícil atopar en «Bonus track» as pegadas da obra anterior de Rosalía Fernández Rial a través dunha linguaxe moi coidada, onde cada palabra, e non outra, está no lugar preciso para transmitir esa sensación que a autora quere achegarnos nese preciso intre.

A xulgar polo resultado desta primeira andaina no mundo da narrativa, non sería unha temeridade agardar por novas propostas da autora: un libro con banda sonora de seu, para ler a tragos curtos e co volume do reproductor de música ben alto, así nolo fan prever.

Rosalía Fernández Rial

«Bonus track»

Editorial Galaxia

164 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s