XAVIER ALCALÁ: «The Making Of»

TheMakingOfA literatura galega tennos acostumados a unha imaxe da emigración que me atrevería a cualificar de “romántica”, no sentido decimonónico da palabra: personaxes sen un futuro claro que buscan fortuna fóra da terra con resultados incertos, sempre dende unha perspectiva morriñenta e idealizada. Pero dun tempo a esta parte estase a debuxar unha imaxe que non responde a eses tópicos e que evidencia que, como é lóxico, na diáspora había xentes de toda caste e condición; si, tamén persoas cunha ética moi alonxada dos tópicos do traballador esforzado, máis interesadas en reunir a maior cantidade de cartos posible no espazo máis breve de tempo sen importar os medios, mesmo xentes fortemente ideoloxizadas e máis preocupadas por desactivar certas políticas no exilio que pola procura da súa propia fortuna. A nova e esperada novela de

Xavier Alcalá vai por ese camiño. O protagonista, Alfredo Mosquera, O Coghomelo (entre outros alcumes), viaxa á Arxentina na procura de fortuna, pero o seu comportamento dista moito de poder ser considerado exemplar. Falamos dun vividor, mullereiro ata límites enfermizos, afeccionado ao xogo, que mesmo chega a coquetear co nazismo, tan en boga e tan espallado naquelas terras no tempo no que se desenvolve a acción do relato. A súa morte violenta (e isto non é spoiler, pois coñecémola dende o principio), fai de acicate para “o outro” relato. Porque nesta novela conflúen, en realidade dous relatos diferentes. E creo que iso merece unha explicación.

As peripecias do Coghomelo na Arxentina, sendo o eixo central sobre o que xira o traballo, non é, ao meu entender, o máis interesante desta nova entrega de Alcalá. Nas primeiras páxinas explícanos como un enxeñeiro e escritor, que ten que viaxar á Patagonia por cuestións laborais, recibe dun compañeiro de traballo o encargo de investigar sobre a desaparición do seu avó, emigrado a aquelas terras e do que a familia non volveu ter novas. Os primeiros datos recadados esporean a súa curiosidade para continuar cun traballo case detectivesco na procura de información.

Adentrámonos así no que son dous relatos separados e complementarios: o proceso creativo da novela (avanzado no título en inglés deste libro), e a novela en si. Alcalá proponnos, polo tanto, un xogo metaliterario no que somos testemuñas de todo o traballo realizado polo devandito enxeñeiro e escritor para desenterrar a vida do Coghomelo: as viaxes realizadas a Buenos Aires, A Patagonia e mesmo Cuba, a procura de documentación, as entrevistas con testemuñas da época, a axuda dun grupo de colaboradores para desenlear a trama… E asistimos ao traballo de colocar todas e cada unha das pezas que vai recollendo para reconstruír as peripecias do personaxe protagonista. Este é “o outro” relato que acompaña á novela, o “como se fixo”. Mais, a diferenza doutros exemplos similares nos que o argumento é a investigación da trama, neste caso asistimos ao proceso creativo como complemento para comprender a novela en si. Se queremos velo deste xeito, son dúas novelas nunha única novela: a primeira explica o proceso creativo do relato, a segunda integra o relato en si.

Xavier Alcalá

“The Making Of”

Galaxia

496 páxinas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s