FRANCISCO CASTRO: «Iridium»

IridiumCreo que xa podemos actualizar o concepto de “literatura social” e axeitalo á nosa época. Fronte ás novelas centradas na denuncia de grandes colectivos de oprimidos por unha clase social poderosa que os manexa, nos últimos anos, o tema “social” céntrase en grupos máis reducidos, inxustamente tratados ou, simplemente, esquecidos por unha sociedade adormentada. Ao respecto véñenme á memoria “A ira dos mansos”, de Manuel Esteban, que explora a sindrome de Down; ou “Aqueles días en que eramos malas”, de Inma López Silva, ambientada nunha cárcere para mulleres; mesmo “Senlleiras”, que fala da violencia machista, como exemplos desta tese. Pois ben: se aceptamos tal proposta podemos catalogar “Iridium”, o novo traballo de Francisco Castro, coma un relato social protagonizado, neste caso, por unha rapaza con Dano Cerebral Adquirido (DCA). Máis ca dunha literatura de “denuncia” falamos, xa que logo, de “concienciación”.

“Iridium” é unha novela xuvenil que nos presenta a Iris, unha rapaza de instituto que padece o DCA logo dun desgraciado accidente. Iris tivo que asumir as súas eivas e a súa nova condición para poder continuar coa súa vida (e o seu reinado virtual en Instagram), pero non todos ao seu arredor foron quen de adaptarse á nova situación da protagonista. A partir de aí, asistimos a un relato da cotidianeidade de Iris que, agora, resulta bastante máis dificultosa ca antes do accidente. Mesmo asistimos ao nacemento dunha historia de amor cun compañeiro de clase que non semella ter en conta a súa nova condición e que segue a tratala coa mesma naturalidade coa que a trataba antes. Velaí a clave de todo: o que Iris arela, no fondo, non é o mimo excesivo, senón ser vista e tratada con normalidade. Porque Iris sufre coma calquera, e ri e chora coma calquera, e goza e padece coma calquera…

A pesar da traxedia que relata, “Iridium” é unha historia de optimismo e de superación, de amor e de amizade, de relacións entre iguais, independentemente das súas dificultades, e de colaboración para superalas. E, ademais, é unha desas historias capaces de chegar ao interior dos lectores para facernos pensar sobre a nosa propia condición e a nosa relación co resto da sociedade e que quizais, só quizais, se reflexionamos sobre todo isto, consiga facernos un pouco mellores. E iso, para calquera novela, xa é moito.

Supoño que por estar dirixida a un público xuvenil o autor emprega recursos moi actuais (mails, whatsapp’s, etc.), e unha linguaxe moi directa e coloquial, que ten momentos de profundo lirismo e outros de gran dureza. É a propia Iris a que relata en primeira persoa o groso da narración ofrecéndonos un punto de vista moi acaído para o relato. Se a isto lle sumamos personaxes sobranceiros, coma ese Mario, prototipo de “malote” adolescente cun fondo enternecedor, ou a propia Iris, que domina a narración adobiando de normalidade a súa existencia, o resultado é un traballo que supera as limitacións das idades ás que vai dirixido.

 

Francisco Castro

“Iridium”

Galaxia

108 páxinas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s